A creación e o lecer dixitais conquistan A Coruña

xoves, 14 de xullo do 2016 Marcus Fernández

O recinto coruñés de PALEXCO converteuse durante a xornada de hoxe en todo un fervedoiro de actividade ao redor da creación dixital e do lecer alternativo, por coincidir a celebración dos eventos Mundos Dixitais e Hobbycon nas mesmas instalacións, tendo ambos encontros unha grande compoñente tecnolóxica.
Máis de 600 profesionais do sector da creación dixital participan en Mundos Dixitais, e durante a pasada mañá puideron asistir a unha clase maxistral sobre interpretación para animadores impartida por Ed Hooks, mentres que pola tarde contaron cunha programación máis variada, con relatorios a cargo de Larry Vizoso, Abraham López Guerrero, José Tatay e Nacho Cuesta, aínda que estas actividades centrais víronse enriquecidas cunha feira de emprego, na que distintas empresas da Industria conversaban cos asistentes ao evento para explorar futuras colaboracións.
Tamén podíase gozar de interesantes demostracións da tecnoloxía de realidade virtual baseada nos cascos HTC Vive, como a tecnoloxía de pintura tridimensional Tilt Brush de Google, o divertido xogo Fruit Ninja VR, o xogo de tiro con arco de The Lab ou a impresionante experiencia submarina de theBlue (que sitúa ao usuario nun barco afundido, podendo así contemplar os peixes ao redor e incluso a visita dunha enorme balea). Estas experiencias virtuais son especialmente superiores ás que achegan solucións como Oculus Rift ou PlayStation VR xa que HTC incorpora sensores de posición, de xeito que o usuario está de pé, movéndose no mundo virtual, conseguindo así un nivel de inmersión superior e abrindo numerosas posibilidades que o seu fabricante parece ter claras, de aí que hai pouco estrease unha liña destes cascos de realidade virtual orientada ao mercado empresarial.
A Hobbycon, pola súa banda, contou entre as súas actividades con varios torneos de videoxogos, e sesións de xogo libre con sistemas clásicos, pero a face tecnolóxica deste evento non se limite aos videoxogos, senón que tamén achégase a ámbitos como o da impresión 3D e o da pilotaxe de drons, protagonizando este último unha serie de actividades durante a tarde de hoxe, de xeito que os interesados puideron introducirse no tema. Incluso no expositor de RQ Studio está a celebrarse unha competición nun simulador de voo de drons de xeito que o participante que consiga a mellor puntuación gañará un pequeno dron co que mellorar as súas habilidades.

Unha segunda xornada moi completa

Durante a xornada do venres a Hobbycon tamén contará cunha charla de RQ Studio sobre impresión 3D e un relatorio de Enrique Colinet Baxayaun sobre o desenvolvemento de videoxogos.
Pola súa banda o encontro Mundos Dixitais celebrará unha segunda xornada moi completa, que comezará cunha clase mestra de Craig Caldwell, profesor da Universidade de Utah e anteriormente especialista en tecnoloxías 3D para Walt Disney Feature Animation, sobre fundamentos do desenvolvemento de argumentos para animadores e desenvolvedores de realidade virtual; completarán a sesión matinal Carlos Fernández (dando conta do proxecto SKIZO, que combina unha longametraxe, un videoxogo de realidade virtual e un xogo de mesa) e Sergio León (que amosará detalles sobre o filme Capitán América: Civil War).
Na sesión de tarde de Mundos Dixitais realizarase a proxección de Mundos Visual Boutique, Ignacio Lacosta dará conta dos efectos visuais na narrativa transmedia do videoxogo Quantum Break; Dominik Zimmerle comentará o seu traballo en Independence Day: Contraataque; e Javier M. Pacín e Charly Puchol achegarán aos presente á experiencia bélica de USER T38 en Gernika.

Os sensores de posición permite que a experiencia de realidade virtual de HTC Vive sexa a máis inmersiva do mercado
A Feira de Emprego supón un claro valor engadido para Mundo Dixitais
RQ Studio achegou a Hobbycon a súa experiencia no uso profesional de drons
En Hobbycon púidose experimentar coa pilotaxe de pequenos drons

PUBLICIDADE