A contorna do software libre reunirase na Coruña arredor da Akademy 2015

xoves, 29 de xaneiro do 2015 Redacción

Participantes na Akademy celebrada en Málaga

A Akademy 2015, a reunión anual da comunidade internacional de desenvolvedores e usuarios da contorna de escritorio KDE, terá lugar na cidade de A Coruña entre o 25 e o 31 de xullo deste ano. Así, a comunidade internacional de software libre, da man da Asociación GPUL e da contorna de escritorio KDE, reunirase na Facultade de Informática da Coruña, nunha xuntanza para a cal agárdase que asistan centos de persoas co obxectivo de debater e planear o futuro do proxecto KDE. Espérase tamén a asistencia de participantes procedentes doutros proxectos libres (contornas gráficas, distribucións...) así coma de empresas de relevancia no sector e xente interesada no software libre en xeral.
Emporiso, cómpre dicir que non é esta a primeira vez que GPUL se encarga da organización dun evento destas características, pois conta cunha ampla experiencia de máis de 15 anos.
Entre outros encontros, GPUL levou a cabo a GUADEC 2012, a conferencia internacional de desenvolvemento da contorna de escritorio GNOME, cun grande éxito de convocatoria e de organización. Ese mesmo ano, GPUL foi galardoada co premio GNOME Hispano 2012 en recoñecemento ao seu labor na organización de eventos de software libre, como os relacionados co proxecto GNOME (3 GUADEC-ES, a GuaDemy e a GUADEC 2012).
GPUL, segundo lembra Mancomún, ten tamén fortes ligazóns coa comunidade KDE sendo varios dos socios de GPUL así mesmo socios de KDE-España. GPUL mantén unha constante presenza nas actividades de KDE, ten organizado numerosas actividades relacionadas coas tecnoloxías KDE, como a Akademy-es 2008, en colaboración coa acabada de nacer asociación de KDE-España, a celebración do XV Aniversario de KDE cunha xornada especial, ou o sprint 2013 de KDE-Edu, entre outras moitas.

PUBLICIDADE