A conferencia europea sobre ciberacoso reuniu en Madrid a preto de 100 expertos europeos

mércores, 29 de maio do 2013 Redacción

A Primeira Conferencia Europea sobre Ciberacoso celebrada este martes 28 en Madrid saldouse cun elevado nivel de participación e repercusión, con case un centenar de asistentes procedentes de toda Europa e un fluxo constante de novas ideas para avaliar o devandito problema das novas tecnoloxías como ferramenta para os abusos en calquera das súas manifestacións, análise que se levou a cabo dende diferentes sectores: gobernos, sociedade civil, sector privado, órganos policiais e as propias vítimas. A conferencia, organizada pola Confederación de Organizacións Familiares da Unión Europea (COFACE), á que pertence ASGECO Confederación, reuniu como dixemos a preto de 100 participantes, todos eles expertos neste eido do ciberbullying.
O encontro, inserido no proxecto #DeleteCyberbullying, partiu de base co obxectivo de reunir, durante a xornada, á meirande cantidade e variedade de implicados. Así, amais de expertos e investigadores do problema, tamén houbo familias, mozos e mozas internautas, organizacións sen arela de lucro, colexios, representantes das forzas de seguridade de diferentes países e profesionais de diversas empresas provedoras de servizos en liña (redes sociais, acceso á Rede, etc).
Ao longo do día, informa ASGECO, os participantes compartiron as súas experiencias nos diferentes paneis e sesións interactivas, partillaron coñecemento e amosaron gran interese en fortalecer a cooperación mutua desde distintos sectores de face a afrontar de xeito conxunto os desafíos do ciberacoso. O máis destacado do día, engade a organización, foron os testemuños de catro adolescentes que compartiron as súas historias persoais e experiencias propias cos participantes. Estes mozos presentaron a faciana máis real do problema. Tamén é de salientar unha das conclusións da xornada, que se consolidou coma un consenso: a idea de que o ciberacoso non é só sobre tecnoloxía senón tamén sobre comportamento. Polo tanto, díxose, fortalecer a empatía entre os mozos e o seu sentido da responsabilidade son algunhas claves para construír un ambiente libre de acoso.
O próximo paso do proxecto #DeleteCyberbullying, construído sobre o éxito desta conferencia, será o lanzamento no mes de novembro dunha campaña online de sensibilización europea chamada A gran marcha (The Big March).

PUBLICIDADE