A comunidade galega Fillos.org acada a cifra de 5.000 membros rexistrados
luns 10 de setembro do 2007, por | |
| Compartir |
As redes da información, con todas os críticas das que poden ser obxecto (ou, mellor dito, das que poden ser obxecto os seus usuarios) teñen unhas cantas luces para compensar tanta sombra. Unha delas reside nas posibilidades que achega a Rede como elemento vinculador de comunidades ou colectivos espallados polo mundo. Se cadra dicir que emigrar doe un pouquiño menos se estás en contacto cos que ficaron na terra e cos que marcharon dela a través de Internet, é moito dicir. Pero algo hai de positivo cando unha boa parte das iniciativas web postas en marcha como nexo de unión seguen en liña ascendente. Unha das máis salientables é Fillos.org, comunidade galega en Rede que vén de superar a liña dos 5.000 membros rexistrados, logo de experimentar nos últimos nove meses un medre do 25% no número de inscritos.
Fillos.org, que foi creada polo informático fillo de galegos Manuel Casal, xurdiu hai unha década co seguinte obxectivo: cumprir as funcións, agora na Rede, dos centros galegos que no século XIX e XX mantiveron forte e viva no exterior a raizame galega. Amais diso, tentouse ir alén das funcións daqueles centros, achegando métodos de autofinanciamento como Redegalega.org, Galeguidade ou Parcelaria.com. Segundo vén de informar Manuel Casal, non só a devandita cifra corrobora a liña ascendente do proxecto, senón tamén a seguinte dato: cada mes, máis de un millón de páxinas do portal Fillos.org son consultadas por internautas galegos e descendentes de todo o mundo.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














