A compañía viguesa VMS amosa o seu prototipo de moto eléctrica en Barcelona

venres, 23 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Pedro Martínez, CEO de VMS Automotive, probando o seu prototipo en Barcelona

No encontro internacional LEVS (Light Electric Vehicle Summit) que tivo lugar os pasados días 20 e 21 en Barcelona, onde se xuntaron numerosos actores de referencia do sector dos vehículos eléctricos lixeiros co obxecto de fomentar o intercambio de opinións e dar visibilidade a este sector emerxente, non faltou a presenza galega, concretamente da empresa viguesa VMS Automotive, que acudiu á cita co prototipo actual do seu vehículo eléctrico lixeiro, unha motocicleta 100% eléctrica de 3 rodas (cun motor en cada roda traseira), á vez que tamén foi seleccionada para expor entre os asistentes no congreso o seu novo sistema de amortiguación e balanceo.
O sistema presentado permite unha maior estabilidade do vehículo, reducindo significativamente o risco de caída do condutor e mellorando a sensación de seguridade e a experiencia de condución.
VMS é unha empresa nacida este mesmo ano como unha spin-out do grupo industrial Marsan, con máis de 50 anos de historia e dedicación na industria da automoción viguesa, estando entre as compañías seleccionadas na aceleradora ViaGalicia, continuando actualmente a traballar no prototipo de vehículo eléctrico que tan boas sensacións causou no cumio internacional celebrado en Barcelona, e que pretende dar resposta á crecente demanda de solucións de mobilidade urbana que acheguen unha boa experiencia de usuario e coiden tamén a seguridade.

PUBLICIDADE