A ciberseguridade centrará un novo faladoiro dixital do CPEIG

mércores, 14 de setembro do 2016 Redacción

O vindeiro 21 de setembro celebrarase un novo faladoiro dixital organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co apoio da AMTEGA dentro da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital. O encontro, que abordará a ciberseguridade coa participación de expertos na materia, desenvolverase no Edificio CINC da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, de 9:45 a 14:00 horas, comezando coa benvida institucional a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a quen ás 10:15 horas seguirá Susana de la Fuente, coordinadora de Xestión do Talento do Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (INCIBE).
Tras un breve descanso, ás 11:30 horas. abordaranse boas prácticas en ciberseguridade, cos casos de Adolfo Domínguez e a adega Pepe&Lola como exemplos. Por parte da empresa téxtil falará Pablo Aranda, responsable de Microinformática de Adolfo Domínguez, e en representación da adega intervirá Carlos Rodríguez, responsable de Proxectos TI. Ás 12:30 horas celebrarase un debate entre todos os relatores, aberto tamén á participación das persoas asistentes.
As persoas interesadas en acudir ao faladoiro poden inscribirse xa de balde vía web.

PUBLICIDADE