A biblioteca Antonio Odriozola comezará a emprestar eReaders o vindeiro mércores

venres, 11 de maio do 2012 Redacción

A Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra informa de que a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola ofertará a partir do próximo 16 de maio 39 aparatos de lectura electrónica proporcionados polo Ministerio de Educación e Cultura. Cada eReader conta con 957 libros en español e inglés.
A Xefatura Territorial de Cultura e Educación traslada que esta iniciativa ten coma finalidade modernizar a biblioteca de Pontevedra coa introdución das novas tecnoloxías e considerándoa como un organismo vivo que debe servir ao público nas súas necesidades. Esta é a razón pola que non pode estar allea aos cambios que proporcionan as novas tecnoloxías.
O inicio da posta en marcha deste servizo será o próximo mércores, 16 de maio. Dende ese día poñeranse en préstamo para os usuarios da biblioteca pontevedresa 15 aparatos de lectura electrónica pre cargados con 957 libros electrónicos en español e inglés libre de dereitos e progresivamente ofertarase o resto dos lectores electrónicos ata chegar á totalidade dos mesmos, 39 a finais do mes. Reservaranse catro eReaders para lectura en sala.
O envío destes lectores por parte do Ministerio de Educación e Cultura forma parte da segunda fase dun programa piloto para introducir o libro electrónico nas bibliotecas públicas do Estado, de xeito que os cidadáns puideran tomar en préstamo tanto dispositivos lectores como os propios contidos.
A primeira fase consistiu en dotar a 15 bibliotecas públicas en todo o Estado, entre elas Santiago de Compostela. Nesta segunda fase, Pontevedra foi unha das cidades elixidas.
Cando un usuario se leva un lector electrónico en préstamo, este será o único responsable do seu uso, polo que se lle esixirá un bo uso do mesmo, tanto en relación ao seu uso como ao seu coidado.

PUBLICIDADE