A banda larga galega sométese a exame por parte da AETG

mércores, 22 de abril do 2015 Redacción

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Ramón Bermúdez de Castro, veñen de asinar un acordo de colaboración no que se vai á procura dunha posta a punto das telecomunicacións en Galicia. Para isto quérese promover un ambiente a prol do investimento dos operadores para que os cidadáns poidan acceder a máis e mellores servizos de telecomunicación asumíbeis.
Emporiso, esta acción responde “aos numerosos cambios en materia das telecomunicacións que se están a producir nestes anos”, sinalaron, e que repercuten nas actividades sobre as que exercen as súas competencias as entidades locais. Trátase pois de “eliminar as dificultades de actualización normativa e de acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento cotián destas administracións locais”.
Deste xeito, a AETG levará a cabo medicións e controis sobre o terreo da calidade do servizo das redes de acceso á banda larga a través de tecnoloxías sen fíos existentes en Galicia. Engadir que A AMTEGA achegará á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia 65.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.
Asemade, grazas a este acordo, a AETG pon á disposición dos concellos galegos un servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. O dito servizo está dispoñíbel a través do teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico (oficinaconcellos@aetg.gal).

PUBLICIDADE