A aplicación móbil Meitu podería facer usos impropios da información persoal dos seus usuarios

venres, 20 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que a compañía chinesa Meitu leva moito tempo coas súas aplicacións móbiles MakeupPlus, BeautyPlus, AirBrush, Meipai e Meitu trunfando nas tendas e aplicacións, a súa popularidade en Occidente é recente, destacando especialmente a aplicación Meitu, dispoñible de balde en Google Play e na App Store, que aínda que incorpora numerosos filtros e efectos para retocar fotografías, chamou a atención da meirande parte do público por unha funcionalidade que di transformar fotografías de persoas en pinturas feitas a man, e aínda que poderiamos pensar que estamos ante un clon de Prisma, a cousa é moi diferente, e o efecto conseguido da ás imaxes unha aparencia máis propia dos debuxos animados xaponeses máis románticos, provocando que as fotografías manipuladas coa aplicación estean a distribuírse con certa intensidade nas redes sociais, facendo de Meitu unha aplicación viral.
Que trunfe momentaneamente unha aplicación deste tipo non debería sorprender, pero hai un detalle do que si habería que advertir, xa que a aplicación (especialmente na versión para Android) estaría a pedir demasiados permisos para funcionar, incluíndo os datos do GPS e outros datos (como o IMEI e o número de teléfono) que claramente non veñen a conto para unha aplicación de retoque fotográfico.
É difícil saber o que disparou a popularidade da aplicación nos últimos días, pero o que si está claro é que a nivel de privacidade é un auténtico inferno, descoñecéndose o que a compañía fai cos datos dos usuarios (que poderían estar a compartirse masivamente con fins publicitarios), polo que o consello xeral é non instalar a aplicación á que tamén cáenlle críticas pola liña estética que parece defender (con cores de pel excesivamente claras, no que podería chegar a entenderse como racismo).

Entre as críticas que está a recibir Meitu non faltan as denuncias do seu racismo, por considerar máis fermosas as cores de pel claras e actuar en consecuencia.

PUBLICIDADE