A aplicación de Gmail para Android incorpora a xestión de contas de correo de outros servizos

martes, 31 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Atendendo ao feito de que é normal que unha persoa faga uso de varias contas de correo electrónico (por exemplo, unha persoal e outra profesional) a aplicación de Gmail para Android renóvase de xeito que pode empregarse para xestionar contas de correo electrónico alleas á plataforma de Google (incluso de servizos como Yahoo ou Outlook) para facilitar unha completa xestión do noso e-mail en mobilidade.
Para facer aínda máis fluído o seu uso, a aplicación de Gmail permite combinar todas as contas de correo que teñamos configuradas nunha mesma caixa de chegada, para poder ler e responder mensaxes sen ter que andar saltando entre as distintas contas.
Amais, a aplicación renovada tamén aplicará vantaxes como a vista de conversa (que mantén o fío de mensaxes respondidas para facer doada a súa comprensión) incluso en contas de Yahoo, Outlook.com ou POP/IMAP. Tamén aseguran ter mellorado a busca no correo (cunha función de auto-completado máis intelixente) e outras pequenas modificacións (como miniaturas dos ficheiros adxuntos de maior tamaño para facilitar a súa identificación sen ter que abrilos) que fai que esta actualización da aplicación de Gmail estea máis que recomendada.

PUBLICIDADE