A Xunta potenciará a formación en TIC nas PEME e os centros tecnolóxicos

xoves, 21 de xullo do 2016 Redacción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, avanzou hoxe que o Goberno galego porá en marcha un novo programa que, dotado cunha contía de preto dun millón de euros, impulsará a formación en TIC de máis de 4.000 empregados das PEME galegas que recibirán formación específica que promoverán clústers e centros tecnolóxicos relacionados coa fábrica intelixente.
“Estamos a falar dun programa para que os mandos intermedios das PEME sexan formados en eidos necesarios para desenvolver a fábrica intelixente como: robótica, o Big Data, o Internet das Cousas, a ciberseguridade, Loxística 4.0 ou vehículos autónomos, así como servizos de xestión e organización empresarial”, explicou Feijoo, ao que engadiu que ademais de beneficiar directamente aos 4.000 traballadores, contribuirán a que as empresas avancen no camiño cara o tecido empresarial intelixente que promove a Xunta a través do desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.
As axudas deste programa cubrirán o 50% do custo das accións formativas. E, en cada iniciativa, deberán participar un mínimo de 5 traballadores de PEME con centro de traballo ou sede social en Galicia, ademais de contar cunha duración presencial mínima de 30 horas para cada participante.

Novos investimentos nos centros tecnolóxicos da UDC

As novas medidas de apoio á investigación e á formación en TIC aprobáronse hoxe no Consello da Xunta

Feijoo tamén anunciou tras o Consello da Xunta que destinaranse 1,8 millóns de euros a mellorar o Centro de investigación tecnolóxica de edificación e enxeñaría civil (CITEEC), o Centro de investigacións científicas avanzadas (CICA), o Edificio de servizos centrais de investigación-Servizos de apoio á investigación (ESCI-SAI) e o Centro de investigación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), todos eles dependentes da Universidade da Coruña.

PUBLICIDADE