A Xunta outorga 20 novas licenzas de TDT de ámbito local

luns, 29 de decembro do 2014 Redacción

O Consello da Xunta aprobou o pasado venres a adxudicación de 20 licenzas de emisión para televisións privadas de ámbito local, resolvendo así un concurso que convocado en xuño ao que se presentaron 41 ofertas por parte de 15 empresas para cubrir as 26 licenzas dispoñibles. Finalmente, seis delas quedaron vacantes, concretamente, nas Pontes, Chantada, Vilalba, Viveiro, O Barco e Verín.
Complétase así o proceso que comezou en 2005, cando saíron a concurso as 63 licenzas de prestación de servizos de comunicación audiovisual televisiva de titularidade privada e ámbito local de que dispón Galicia. As 26 licenzas convocadas en 2014 corresponden ás 17 que quedaron vacantes en 2006, ás que se engaden outras 5 anuladas no seu día, así como 4 concesións de 2006 ás que renunciaron as empresas concesionarias.
Agora, as 20 adxudicatarias teñen seis meses para presentar o seu proxecto técnico, que será revisado pola Administración para verificar que se cumpren todos os requisitos. Unha vez obtido o visto e prace da Xunta, a empresa dispón de 12 meses para desenvolver o proxecto coa execución das obras correspondentes e comezar as emisións. As licenzas outórganse por un período de quince anos, sen prexuízo das posibles renovacións ás que fai referencia a Lei xeral da comunicación audiovisual.
As novas adxudicatarias son as seguintes:
- Demarcación de Carballo: Onda Hit S.L.
- Demarcación de Ferrol: Guntiñas Núñez, Luis
- Demarcación de Vimianzo: Antonio Jorge Campos, Audiovisuales Sogavi SLU (Vía Televisión)
- Demarcación de As Pontes: Audiovisuales Sogavi SLU (Vía Televisión), Canal 26 TV Carballiño
- Demarcación de Chantada: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión)
- Demarcación de Monforte Lemos: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión)
- Demarcación de Vilalba: Audiovisuales Sogavi SLU (Vía Televisión)
- Demarcación de Viveiro: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión)
- Demarcación de O Barco de Valdeorras: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión)
- Demarcación de O Carballiño: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión), Canal 26 TV Carballiño
- Demarcación de Verín: Materiales Eléctricos Disgetec SL (Vía Televisión)
- Demarcación de Ponteareas: Eurorexión Sinerxia SL (propietaria de Sí Radio)
- Demarcación de Pontevedra: Unión de Televisiones Gallegas SA (Localia), Televisión
- Mancomunidade Do Salnés SL (Canal Rías Baixas), Vigo RTV Digital Local SLU
- Demarcación de Arousa: Vigo RTV Digital Local SLU (Vía Televisión), Lidia Nodar Suarez
Estas adxudicacións chegan despois dunha explotación moi deficiente do anterior concurso de concesións de TDT de ámbito local, no que se outorgaron 48 licenzas das que só 8 están en funcionamento (TeleLugo, Santiago TV, Correo TV, Localia Vigo, Telemiño, Canal Rías Baixas, Nós TV e Televinte) en situacións de relativa precariedade. De feito, incluso no ámbito autonómico temos unha situación lamentable, na que das dúas concesións de TDT privadas, unha cesou as súas actividades (Popular TV) e a outra (V Televisión) está moi lonxe de cumprir cos seus compromisos (tanto de investimento e contratación de persoal como de horas de emisión en lingua galega).

PUBLICIDADE