Factura electrnica

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

A Xunta escolle a Telefónica e Iberbanda para levar a banda larga ao noso rural

venres 3 de setembro do 2010, por Raquel Noya | | Compartir | |

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, vén de concederlle a Telefónica e Iberbanda as axudas destinadas ás actuacións de despregamento de redes de banda larga nas zonas da contorna rural de Galicia que presentan máis dificultades para acceder a este servizo, que ascenden a 1,2 millóns de euros.
Trátase dunha medida que se inclúe no Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013 mediante a cal se lle concede ás devanditas operadoras nacionais o labor de extensión de redes fixas que garantan o acceso aos servizo de banda larga ao noso rural.
En concreto, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural vén de concederlle a Telefónica a extensión de redes fixas que garantan o acceso ao servizo de banda larga a máis do 80 por cento da poboación, á meirande parte dos centros da administración pública e aos polígonos e parques empresariais nos núcleos rurais establecidos.
Pola súa banda, Iberbanda resultou beneficiaria das axudas para a extensión de redes de acceso de banda larga en 27 concellos do sur da provincia de Lugo e da súa contorna (22 concellos do sur de Lugo e 5 na Ribeira Sacra Ourensá).
A Xunta achega para estas actuacións preto dun total de 1,2 millóns de euros que, xunto co investimento privado previsto polos operadores en cuestión, acadarán un investimento global de 2,7 millóns de euros.
Con estas axudas, Telefónica estenderá no ano 2010 redes de transporte de alta capacidade en 106 núcleos de poboación, da contorna rural de Galicia de máis de 100 habitantes que actualmente non contan con acceso á banda larga. Deste xeito, case 24.000 habitantes poderán ter un servizo de acceso de calidade a Internet. Ademais, o despregue destas infraestruturas garantirá o acceso ao servizo de banda larga de calidade a todos os puntos de demanda dependentes da administración tales como centros educativos, centros de saúde, etc. así como aos parques empresariais e polígonos industriais presentes nos núcleos rurais establecidos.
Esta operadora establece a velocidade mínima do servizo a ofertar en 6 Mbps de baixada e 640 Kbps mellorando así, a velocidade mínima de 2Mbps de baixada e 512 Kbps de subida que se establecía na convocatoria publicada no DOG. Con todo, Telefónica comprométese a consolidar a finais deste ano 2010 “a velocidade de 10 Mbps de baixada como oferta de referencia sen variacións nas tarifas, desenvolvendo ademais unha oferta a prezo máis reducido naqueles puntos onde non sexa posible ofertar os 10Mbps”.
Adicionalmente, ás melloras relativas á velocidade de servizo, o operador ofrecerá un amplo paquete de melloras significativas para os usuarios tales como, servizos para o desenvolvemento da domótica, da teleasistencia, para a accesibilidade a contidos multimedia nas pantallas de móvil, PC e Tv, así como, outros servizos de entretenemento.
Iberbanda, pola súa parte, posibilitará o acceso ao servizo de banda larga de calidade a máis de 28.000 habitantes dos 27 concellos – 22 na provincia de Lugo (Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Taboada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria); 10 no sur da provincia de Lugo (Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria); e 5 na provincia de Ourense (Nogueira de Ramuín, A Peroxa A Teixeira San Cristovo de Cea e Vilamarín)- nos que se despregarán redes sen fíos durante o ano 2010. Para esta actuación, Iberbanda previu un investimento total de 891.200 euros dos cales 624.000 serán subvencionados pola Xunta.
A solución ofertada por Iberbanda empregará a tecnoloxía sen fíos Wimax Móbil de banda licenciada que, prestará un servizo mínimo esixido de 2 Mbps de velocidade de baixada e 512 Kbps de subida cun 20% de caudal garantido o 95% do tempo.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS