A Xunta e o sector TIC comprométense a potenciar o desenvolvemento dixital de Galicia
martes, 23 de xullo do 2013
Esta mañá a Administración galega cun grupo de industrias tecnolóxicas
asinaron
un acordo que inclúe un decálogo de medidas para potenciar o desenvolvemento
dixital de Galicia nun “compromiso
forte e recíproco” en palabras do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijoo, que busca consolidar “un sector
TIC competitivo, innovador, xerador de emprego cualificado, capaz de facer
fronte aos retos da nova economía do coñecemento”.
A sinatura do mencionado acordo realizouse nun acto celebrado na Cidade da
Cultura de Galicia, onde o titular da Xunta informou de que o Goberno galego
comprométese a elaborar unha Lei de desenvolvemento dixital para “a transformación de Galicia cara a unha
economía baseada no coñecemento” e garantir a capacitación dos cidadáns
para integrarse no contorno dixital e impulsar os “grandes proxectos tractores” de innovación tecnolóxica nos
sectores produtivos estratéxicos para Galicia, apostando por convocatorias de
financiamento de grandes proxectos que permitan captar fondos europeos. Feijoo
tamén expresou o compromiso da Xunta en seguir impulsando as TIC en áreas como
a sanidade e a educación, así como continuar a avanzar no goberno electrónico.
As empresas do sector TIC, pola súa banda, comprometéronse a apostar polo rural
galego no desenvolvemento de tecnoloxía de nova xeración, a apoiar aos
emprendedores dixitais de Galicia e a participar activamente como “mecenas dixitais” impulsando actuacións
que capaciten á cidadanía e, en especial, aos colectivos en risco de exclusión,
no emprego das TIC. O convenio asinado hoxe tamén detalla compromisos do sector
para garantir mediante un programa de bolsas a incorporación ao mercado laboral
de universitarios e estudantes de FP ao eido tecnolóxico.
Balance da Axenda Dixital Galicia 2014.gal
Na súa intervención, o presidente da Xunta destacou que o Goberno galego
leva anos traballando na modernización tecnolóxica de Galicia a través da
Axenda Dixital Galicia 2014.gal, que definiu como “unha folla de ruta con iniciativas altamente transformadoras”.
Así, subliñou que o investimento público-privado de 660 millóns de euros entre
2010 e 2013 permitiu avanzar na modernización da Administración e da Xustiza;
impulsar a transformación do sistema educativo con iniciativas como Abalar;
intensificar a vertebración territorial grazas ao Plan de Banda Larga;
contribuír á mellora continua da sanidade a través de proxectos tecnolóxicos “nos que Galicia é líder”, como a
receita electrónica; consolidar o Centro de Datos integral como infraestrutura
clave do sector público; e lograr a blindaxe das telecomunicacións como un
servizo público máis grazas á Lei de impulso e ordenación das infraestruturas
de telecomunicacións de Galicia.
Empresas galegas, nacionais e internacionais
O presidente da Xunta agradeceu a implicación amosada polas empresas asinantes
do protocolo, algunhas delas galegas, como Altia, Coremain, R ou Televés, e
outras de ámbito nacional internacional como Everis, HP, Indra, IECISA, SATEC e
Tecnocom. Ademais, avanzou o compromiso de Vodafone, Telefónica e Atos de adherirse
ao convenio.
O presidente de la Corporación Televés, Ramón Bescansa de la Gándara, valora
como positivo o pacto “xa que esperamos
que a lei dixital (un dos compromisos do Goberno galego) axude de forma
decidida ao sector TIC galego”. Por outra banda, sostén que é preciso
“promover a creación de empresas de base tecnolóxica con proxección
internacional” para impulsar o sector en Galicia.
Para o conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, o Pacto é “unha boa nova” e “amosa,
ademais, sentido da oportunidade e visión estratéxica”. En canto á
situación da Comunidade a nivel estatal no eido das TIC sinala que “Galicia
pode e poderá seguir competindo no contexto tecnolóxico estatal e mundial se
continúa a investir en innovación, en despregamento de infraestruturas de
telecomunicacións, en capacitación dos cidadáns para que se integren plenamente
no contorno dixital.”