A Xunta centraliza nunha páxina web o seus sistemas de información xeográfica

venres, 18 de xullo do 2014 Redacción

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, acompañada pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, inaugurou hoxe a xornada técnica na que se presentou o Sistema de Información Xeográfica (SIX) da Xunta, cuxa porta de entrada é o portal mapas.xunta.es, e na que tamén se informou da posta en marcha da nova web de planeamento urbanístico de Galicia.
Ethel Vázquez explicou que “estamos a falar dun esforzo sen precedentes no que a organización e accesibilidade da información xeográfica se refire, grazas ao traballo conxunto do Instituto de Estudos do Territorio e a AMTEGA, que fixo posible que, desde hoxe xa estea, desde un único punto de acceso, un volume de información total de 5,62Tb”.
A conselleira de Medio Ambiente precisou que “concretamente no apartado do centro de descargas neste momento están dispoñibles para a cidadanía preto de 32.200 mapas que forman parte de 21 series cartográficas, entre os que, por exemplo, se atopa o mapa de estradas totalmente actualizado coa variante de Noia en servizo”.
O punto de acceso a esta plataforma é o portal mapas.xunta.es, que integra nun único sitio a información, as ferramentas e as utilidades para o traballo diario coa información xeográfica de Galicia. Cabe destacar a posta a disposición de todos os cidadáns dun punto de entrada único coa información xeográfica, un contido que irá medrando día a día.
Esta plataforma está formada por unha gran variedade de aplicacións e ferramentas que facilitan a adquisición, manexo e difusión dos datos con compoñente xeográfica necesarios para as tarefas diarias dos departamentos do Executivo autonómico.
A directora da AMTEGA indicou que “un sistema de información xeográfica comprende tres aspectos: unha plataforma tecnolóxica específica, a produción de datos xeoespaciais e os procedementos para a produción, clasificación e difusión dos mesmos”.
Mar Pereira explicou que “a Xunta precisaba dunha fonte única e fiable de información territorial e xeográfica, que evitase que cada consellería ou organismo traballase con información illada e sen as ferramentas de apoio precisas”. Así, engadiu que “non duplicamos os esforzos para producir e manter a mesma información e conseguimos optimizar os investimentos en desenvolvementos informáticos e licenzas de produtos comerciais”.
Para a responsable da área tecnolóxica da Xunta, “unha das principais vantaxes que ofrece o SIX é que permitirá orientar a toma de decisións do Goberno galego en base a un coñecemento máis exhaustivo de como están distribuídos os recursos no territorio, o que redundará nun mellor deseño das políticas globais da Administración autonómica”.
A plataforma SIX vai dirixida a persoal técnico cualificado no eido da planificación e xestión do territorio ( ordenación do territorio e urbanismo, estudos do medio natural e do medio rural); empresas que desenvolven aplicacións con compoñentes xeográfica (informáticos); e cidadanía en xeral que necesite obter información xeográfica, mapas, fotografías aéreas.

PUBLICIDADE