A Xunta aproba unha liña de axudas para as empresas que se integren no futuro Centro de Emprendemento TIC

xoves, 8 de maio do 2014 Redacción

O futuro Centro de Emprendemento TIC que se vai poñer en marcha na Cidade da Cultura en virtude dun acordo da Xunta con Telefónica vai recibir un importante pulo grazas a unha achega de 750.000 euros que canalizará a Administración autonómica a través dun programa de incentivos á excelencia innovadora para os proxectos que se incorporen ao mesmo, segundo anunciou hoxe o presidente Alberto Núñez Feijoo, quen sinalou que coa creación deste Centro de Emprendemento “recollemos un dos principais froitos do Pacto Tecnolóxico que temos asinado con 11 empresas de ámbito nacional e internacional” e engadiu que a contribución adicional da Xunta aprobada hoxe polo Consello demostra a vontade de “buscar os mellores tecnólogos e os mellores proxectos” e de facer “o máis atractivo posible” o proceso de selección dos emprendedores tecnolóxicos.
Este programa de incentivos, financiado pola Xunta con fondos da Axencia Galega de Innovación, acompañará a entrada en funcionamento do Centro de Emprendemento TIC na Cidade da Cultura, un centro que, na súa etapa inicial, ofrecerá a 50 emprendedores do ámbito tecnolóxico un espazo para desenvolver os seus proxectos e recibir asesoramento e formación.
A convocatoria para acceder ao centro abrirase o vindeiro 12 de maio, co obxectivo de que entre en funcionamento tras o verán, e os seus proxectos emprendedores poderán optar aos incentivos aprobados hoxe que están repartidos en tres tipos de axudas: para o patrocinio de ideas, para a posta en marcha de proxectos emprendedores e para préstamos reembolsables.
No tocante aos incentivos para o patrocinio de ideas achegarase a cada un dos proxectos seleccionados unha bolsa de 2.000 euros para a súa participación no proxecto. E, sobre a posta en marcha de proxectos emprendedores, as tres iniciativas seleccionadas como mellores en cada convocatoria recibirán unha axuda de 25.000 euros, a título individual, para a execución do proxecto e que será compatible con outras axudas de entidades públicas ou privadas, e, por suposto, co financiamento que achegue Telefónica.
En relación aos incentivos para préstamos reembolsables trátase de préstamos de 25.000 euros para cada un do tres mellores proxectos anuais que se constitúan previamente como empresa TIC con sede en Galicia.
O presidente da Xunta salientou que este centro suporá tamén aproveitar un espazo como é a Cidade da Cultura para que sexa punto de encontro dos axentes do eido das TIC que se consolide como referente dixital de Galicia; ademais de continuar a colaboración co sector tecnolóxico como vía máis axeitada para garantir o desenvolvemento de Galicia neste ámbito.

PUBLICIDADE