A Xunta anuncia os dominios .gal que estreará o Día de Galicia

luns, 21 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Anticipándose á presentación que a Asociación PuntoGal realizará o vindeiro martes para dar a coñecer os dominios que formarán parte do Programa Pioneiros .gal, a Xunta de Galicia dá conta dos nomes de dominio que pretende activar o vindeiro venres, xornada na que se celebra o Día de Galicia, polo que quixeron aproveitar a ocasión para estrear unha páxina web a tal efecto baixo o dominio 25dexullo.gal (que recollerá a historia das Medallas de Galicia).
Este non é o único enderezo web que o Goberno autonómico activará esta semana, senón que tamén contará cos dominios cultura.gal (que dirixirá á actual páxina de Cultura de Galicia), lingua.gal (que remitirá á páxinas web da Secretaría Xeral de Política Lingüística), turismo.gal (novo enderezo para Turgalicia) e axendaxital.gal (que levará aos contidos da AMTEGA) como dominios xenéricos; e, no ámbito institucional, verán a luz galicia.gal e goberno.gal (que levarán á páxina web da Xunta), Atriga.gal (páxina web da Axencia Tributaria de Galicia) e o novo espazo presidente.gal.
A participación no Programa Pioneiros .gal supón un apoio da Administración á posta en marcha do dominio de Internet para a sociedade galega, e permitirá que a Xunta poida gozar dunha espazo na web baixo o sufixo .gal que será exclusivo dun reducido número de entidades até o mes de decembro, cando abrirase ao público de xeito xeral o rexistro de dominios .gal. Antes desta apertura que permitirá un rexistro libre de nomes de dominio, a mediados do mes de setembro comezarán as fases de rexistro coñecidas como Abrente e Carreira, que permitirá rexistrar con prioridades dominios .gal, para que as entidades que queiran protexer os seus nomes poidan iniciar os trámites para poder comezar facer uso dun dominio .gal a primeiros de decembro, sen medo a que usurpen os seus nomes e marcas.

PUBLICIDADE