SICON

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

A Xunta adxudica 15,29 millóns de euros a Telefónica para mellorar a banda larga no rural galego

xoves 15 de setembro do 2011, por Redacción | | Compartir | |

O Goberno galego aprobou hoxe no Consello da Xunta a concesión dunha axuda de 15,29 millóns de euros ao operador Telefónica para estender entre 2011 e 2013 a banda larga en máis de 11.349 núcleos de rural galego e posibilitar a conexión á internet a outros de 250.000 galegos que non tiñan acceso a este servizo. Xa neste ano máis de 92.000 persoas terán cobertura grazas a esta acción.
Esta actuación é a quinta que se pon en marcha das seis previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013 e que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Desde mediados de 2010 e ata o día de hoxe o Plan facilitou a conexión máis de 321.000 persoas que carecían de cobertura e pechará o ano posibilitando o acceso á rede a máis de 421.000 galegos nesta situación.

JPEG - 320.6 KB
A subvención aprobouse esta mañá no Consello da Xunta

O Plan permitirá que, xa en 2011, a porcentaxe de galegos con posibilidade de conexión á internet chegue ao 87,30% fronte ao 70% existente en 2009. Cómpre recordar que, a principios de 2010 antes do comezo do Plan, había en Galicia 786.000 persoas sen acceso á Rede.
Con esta nova acción complementarase a cobertura das actuacións xa iniciadas en 2010 ata achegar a banda larga ao 94% dos galegos e a todos os puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen acceso á internet. A porcentaxe restante completarase vía satélite ata chegar ao 100% da poboación con cobertura en 2013.
A subvención concedida a Telefónica, en réxime de concorrencia competitiva, é de 15,29 millóns de euros que, xunto co investimento privado previsto polo operador, acadará un orzamento global de máis de 64 millóns de euros. Este importe supera en máis de 26 millóns de euros o investimento total previsto polo Goberno galego na orde de axudas aprobada en abril deste ano.
A solución técnica empregada por Telefónica para completar a cobertura no rural galego está baseada na tecnoloxía 3G na banda de frecuencias de 900MHz, o que permitirá o servizo de banda larga en mobilidade.
Telefónica establece a velocidade mínima do servizo a ofertar en 7,2Mbps de velocidade de baixada e 1,4Mbps de subida, mellorando así a velocidade mínima de 2Mbps de velocidade de baixada e 512Kbps de subida que se establecía na convocatoria publicada no DOG. Ademais, a evolución desta tecnoloxía permitirá velocidades de 42Mbps.
Por outra parte, Telefónica instalará, onde sexa necesario sen custo adicional para o cliente un repetidor, para asegurar a cobertura no interior. Ademais, o operador garante a alta inmediata aos usuarios interesados en contratar o servizo.
O presidente lberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta, comentou que a subvención que veñen de aprobar servirá «para que 250.000 galegos que non teñen internet o teñan a partir de agora», ao que engadiu que «seguimos dando cumprimento á cobertura de internet co obxectivo de que o 94% dos galegos teñan internet, acceso a banda larga, en 2013. E, hoxe, comprometémonos a estender internet a máis de 11.000 núcleos do rural que non o tiñan».
A achega de 15 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia implicará que Telefónica achegue 49 millóns de euros para mellorar as súas infraestruturas de banda larga en Galicia, o que tamén suporá unha mellora na cobertura de telefonía móbil por toda a nosa xeografía.
No marco dos compromisos adquiridos por Telefónica, Feijoo resaltou que a compañía propón un despregue da rede LTE na zona céntrica de Santiago, convertendo a capital galega na primeira cidade con cobertura completa con esta tecnoloxía.

Declaracións de Núñez Feijoo tras o Consello da Xunta

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS