A Xunta aceptará achegas para a Axenda Dixital de Galicia

xoves, 24 de xullo do 2014 Redacción

O presidente da Xunta avanzou hoxe que o Goberno galego acordou iniciar o proceso para definir os novos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia, para o que inician o proceso para elaborar, con todas as achegas posibles, unha nova folla de ruta que se presentará no primeiro trimestre de 2015, e que incluirá todas as medidas e iniciativas necesarias para continuar a modernizar tecnoloxicamente o país até 2020. A Xunta decidiu iniciar o proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia Horizonte 2020, como un itinerario que actualice obxectivos, recursos e medidas sen mudar o procedemento dos últimos anos. Para iso, o Goberno galego “abriu un proceso de diálogo con institucións, con axentes económicos e sociais e coa sociedade galega para poder presentar no primeiro trimestre do ano 15 o que queremos facer ata o ano 2020 no que se refire á axenda dixital da Comunidade Autónoma”, segundo comentou Núñez Feijoo.
Na súa comparecencia, o mandatario galego destacou que “Galicia destinou entre financiamento público e financiamento privado máis de 1.000 millóns de euros ás tecnoloxías desde o ano 2009 ata o 2013”, e salientou os bos resultados acadados.
En primeiro lugar, o titular do Goberno autonómico puxo en valor os significativos avances rexistrados na mellora do acceso a internet dos galegos, pois nos últimos catro anos o Plan de Banda Larga facilitou o acceso á rede a máis de 700.000 cidadáns que carecían deste servizo a finais de 2009, pasando dun 71% da poboación con cobertura ao 97%. E para o restante se están a desenvolver liñas de axudas para o acceso ao servizo a través do satélite.
En segundo lugar, o titular do Goberno galego salientou os progresos acadados para facer realidade os compromisos do Plan de Modernización da Administración autonómica, e conseguir unha administración aberta aos cidadáns as 24 horas do día os 365 días do ano. Neste eido, indicou que a sede electrónica da Xunta xa permite presentar telematicamente máis de 600 procedementos, preto do 40% do total, fronte á situación actual, en que só era posible realizar o 4%.
E, en terceiro lugar, Feijoo referiuse aos resultados conseguidos na introdución efectiva das tecnoloxías en todos os eidos económicos e sociais, con especial énfase nos servizos públicos. A ese respecto, subliñou os datos do Plan Senda para integrar as TIC na Xustiza, que conseguiu xa que o 84% das sedes xudiciais teña conexións de 100 Mbps; que renovou o equipamento, de tal xeito que o 96% tiña a finais de 2013 menos de 7 anos; que implantou os sistemas de xestión procesual Minerva e Fortunity para xulgados e fiscalías e sistemas de intercambio seguro entre os órganos xudiciais e os operadores xurídicos; despregou a rede de videoconferencia con 55 equipos de sala e máis de 370 solucións de videoconferencia persoal para xuíces, fiscais e forenses; e que está a iniciar o sistema de gravación das vistas.
No tocante ao campo sanitario, o mandatario galego resaltou que o 100% das receitas que se dispensan na sanidade pública son electrónicas, que o 100% dos centros de atención primaria poden acceder á telemedicina e que o 10,5% das citas previas nos centros de saúde se obteñen xa a través de internet, vía que usan para relacionarse co Servizo Galego de Saúde o 26% dos pacientes.
Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo subliñou que, no eido educativo, o proxecto Abalar dixital dixitalizou máis de 2.000 aulas e beneficia a preto de 45.000 alumnos.

PUBLICIDADE