A Universidade de Vigo solta o seu segundo globo estratosférico
xoves, 27 de xuño do 2013
Tras o éxito do XaTcobeo,
dende Vigo non queren abandonar a súa curiosa carreira espacial, e como símbolo
desta aposta fixeron
hoxe o lanzamento dun globo estratosférico chamado BALLOON-XAT 002 dende as
instalacións de Zona Franca e froito do traballo do Grupo de Enxeñaría Mecánica
e Automoción (CIMA) da Universidade de Vigo. Estamos ante o segundo de cinco globos
que buscan probar distintos sistemas, que desta volta centrábase no “comportamento dunhas baterías especiais de
litio-ion, aínda que a valixa levará tamén sensores térmicos, de presión, de
aceleración de gravidade, acelerómetros, xiróstropos...” segundo explicou o
director do Grupo, José Antonio Vilán.
Nesta ocasión non só analizarán a carga útil da caixa que traslada o globo,
senón tamén o seu recubrimento, unha manta térmica MLI semellante á dos
satélites tradicionais “que serve de protección de cara ao sol e fai que a
temperatura sexa máis estable” segundo Gabriel García, un dos integrantes do
equipo responsable do globo que chegará a unha altura de 28.000 metros.
Este lanzamento enmárcase na inauguración do congreso A transferencia de tecnoloxía do espazo, unha oportunidade para as
empresas, unha xuntanza de representantes das administracións,
investigadores e empresarios para prender a mecha da Spain Business Aerospace
Incubator (SBAI), un viveiro de empresas orientado á transferencia de
tecnoloxía do espazo que pretende botar a andar antes de 2015 nun dos parques
industriais promovidos por Zona Franca. Este encontro desenvolverase durante 2
días e contou coa presenza do astronauta Ulrich Walter na súa conferencia
inaugural.
- A conferencia inaugural do congreso correu a cargo do astronauta Ulrich Walter