A Universidade de Vigo lanzará un novo satélite ao espazo, co que controlar o cambio climático

martes, 5 de xuño do 2012 Raquel Noya

A presentación do proxecto tivo lugar na sala 1 do Edificio Miralles


Dende que no pasado mes de febreiro se puxo en órbita o satélite XaTcobeo, na Universidade de Vigo, lonxe de sentarse e agardar a que viñeran os éxitos, puxéronse a traballar nun novo proxecto de similares características e maior envergadura; falamos do proxecto HUMSAT, que conta co apoio da ONU e da Axencia Espacial Europea para, entre outras cousas, enviar ao espazo o satélite demostrador HUMSAT/DEMO.
Este satélite, de 850 gramos de peso, percorrerá unha órbita circular a unha altura constante duns 700 quilómetros, e segundo nos informa o DUVI, “será a primeira peza da constelación de satélites, sensores e estacións de terra que conforman o proxecto HUMSAT”.
Esta rede mundial de sensores, por certo, de menos de 10 dólares, permitirán monitorizar parámetros para estudar o cambio climático en zonas sen infraestruturas de telecomunicación ou eléctricas, así como a transmisión de información urxente en situacións de emerxencia.
O profesor da Universidade de Vigo e investigador principal do proxecto, Fernando Aguado, móstrase moi satisfeito co proxecto, do que asegura, “nos permite pasar dun proxecto educativo como XaTcobeo a outro que con cobertura mundial permitirá controlar o cambio climático e as situacións de emerxencia”.
A constelación artificial HUMSAT, estará composta por un total de 9 satélites, 8 dos cales desenvolverán as universidades de Cal Poly, UNAM, Baja California, Torino, Sapienza, Nardvik e Alcalá de Henares; e un noveno do que se encargará a entidade académica viguesa para completar a constelación antes do 2014.
Previsiblemente, o lanzamento do HUMSAT/DEMO terá lugar o vindeiro 20 de novembro en Baikonur (Kazajstán) e realizarase a bordo do foguete Dnepr. O satélite da Universidade de Vigo irá, a súa vez, aloxado no interior dun satélite da Universidade de Roma que será o encargado da súa posta en órbita.

PUBLICIDADE