A Universidade de Vigo estrea aplicación móbil

martes, 21 de outubro do 2014 Marcus Fernández

A Universidade de Vigo está a facilitar aos alumnos, profesores e persoal de administración e servizos o acceso a numerosa información dende dispositivos móbiles, para o que estrean a aplicación oficial UviGO! na App Store e en Google Play, de xeito que smartphones e tabletas poden instalar esta aplicación que xa se inaugura con 1.300 descargas (pois esta ferramenta leva meses dispoñible).
Esta ferramenta quere servir de “canle de comunicación e interacción que permite achegar a administración ao usuario”, segundo comentou a secretaria xeral da Universidade, Gloria M. Pena, quen presentou a aplicación no primeiro Consello de Goberno deste curso.
Dende UviGO! os estudantes poden consultar o seu expediente académico, recibir notificacións sobre convocatorias de bolsas e axudas, horarios, exames, etc. O persoal tamén pode acceder a información sobre cursos, convocatorias, formación do profesorado, información das sesións do Consello de Goberno e Claustro ou as diversas actividades culturais ou deportivas.
A nova aplicación aínda está a dar os seus primeiros pasos e tratará de actualizarse para atender as necesidades da comunidade universitaria. Entre as súas vindeiras actualizacións figurará a posibilidade de que o alumnado poida realizar enquisas de avaliación docente a través dos seus dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE