A Universidade da Coruña renova a face do seu portal de investigación

martes, 28 de outubro do 2014 Redacción

Ter unha web é importante neste tempos que corren, pois a Rede estase a converter na primeira vía de acceso a información de calquera tipo que for. Asemade, actualizar e renovar a páxina en cuestión tamén é algo vital. Con esta arela, dende a Universidade da Coruña (UDC) veñen de darlle unha viraxe ao seu portal de investigación, ao cal se accede a través de investigacion.udc.es. No devandito site o usuario pode consultar tanto o directorio de grupos, unidades e investigadores individuais como realizar buscas por centros ou por departamentos e institutos. Deste xeito substitúese o antigo catálogo de investigadores, achegando moita máis información “nun novo formato áxil e cunha meirande usabilidade que está dispoñíbel en galego, castelán e inglés”, sinalan fontes da UDC.
As buscas pódense realizar por denominación ou acrónimo, membro, código interno, código UNESCO, código socioeconómico, centro ou departamento. En cadanseu resultado, a páxina web amosa os datos xerais, coa data de alta e as adscricións a outros centros ou departamentos e os códigos correspondentes. Amais, amósase o eido de investigación, coas principais liñas e palabras clave, así como a oferta tecnolóxica e os servizos ofertados. Na consulta aparecen tamén os resultados da investigación, cos proxectos, contratos e convenios de I+D+i, os artigos publicados en revistas de investigación e os libros completos. Os internautas teñen tamén á súa disposición os datos de teléfono, enderezo postal e correo electrónico para poñerse en contacto co grupo, a unidade de investigación ou o investigador individual.

PUBLICIDADE