A UVigo xa conta co seu propio repositorio institucional aberto

mércores, 27 de abril do 2016 Redacción

Que a ciencia e o coñecemento tecnolóxico estea ao alcance de todo o mundo e sen custo ningún é a filosofía que se agocha detrás dos repositorios de acceso aberto que vían a luz a finais do século XX, ou sexa: os coñecementos científicos xerados pola investigación e publicados na literatura científica dispoñíbeis a través de Internet sen barreiras (de prezo, de consulta e uso) por mor das restricións da regulación da propiedade intelectual. Emporiso, a Universidade de Vigo anunciaba onte que se une de cheo a esta corrente de divulgación libre e aberta e faino a través de Investigo, o seu propio repositorio institucional de acceso aberto.
Os defensores desta política subliñan que a maior parte de investigación é financiada e desenvolvida por institucións públicas, polo que o acceso á literatura científica que recolle esa investigación debería estar publicamente dispoñíbel en aberto, así opinaba Gerardo Marraud, director da Biblioteca Universitaria, entidade encargada de coordinar a posta en marcha desta nova ferramenta.
Segundo explicou o responsábel do proxecto, moitos poderes públicos, institucións financiadoras e, mesmo a UE, están a promover o acceso aberto a través de mandatos e, en España existen dúas disposicións legais deste carácter. Por unha banda a Lei da Ciencia, que determina a obriga de difundir en aberto unha versión dixital dos artigos resultado de investigacións financiadas con fondos dos orzamentos xerais do Estado; por outra, o Real Decreto que regula o doutoramento, que aplica esta obriga ás teses lidas nas universidades públicas.
E indo ao repositorio vigués, dicir que vai conter, como informa o director da Biblioteca: “non só os artigos de revistas do persoal investigador e as teses lidas na Universidade de Vigo, senón tamén todos aqueles traballos que son valorados como méritos de investigación: capítulos de libros, libros e relatorios e comunicacións a congresos científicos”, pero salienta que “sempre respectando os dereitos de propiedade intelectual”.
Investigo bota a andar poñendo a disposición da comunidade universitaria as teses de doutoramento dos anos 2011 a 2014 “e nas vindeiras semanas imos depositar as teses de 2015”, engade Marraud. Xa a partir de maio, a Sección de Posgrao comezará a xestionar as teses de 2016 directamente a través do repositorio. Para o resto de contidos, serán os propios investigadores os que se encarguen de poñer en aberto a súa produción científica, seguindo o principio do autoarquivo.
A aposta da Universidade de Vigo por esta nova ferramenta trata de difundir e dar maior visibilidade a escala mundial á súa produción científica, preservar a memoria científica da institución, axilizar o rexistro e avaliación da produción de investigación, axilizar o proceso de presentación das teses de doutoramento e mellorar internacionalmente a súa imaxe. Así, como sinala Marraud, “ofrecer en aberto versións dixitais dos traballos de investigación en repositorios permite, segundo diversos estudos, incrementar nun 20-25% o volume de citas recibidas por un traballo de investigación”.
En canto a novidades, Investigo achega, fronte a repositorios doutras institucións, a conexión directa co Sistema de Xestión da Investigación da Universidade (SUXI), de xeito que o repositorio se converterá nunha ferramenta útil para introducir os méritos de “produción científica” no coñecido como SUXI. Isto será posíbel grazas ao sistema SAI3, desenvolvido pola Biblioteca Universitaria en paralelo co repositorio. Segundo Marraud, “vai facilitar moitísimo ao persoal investigador a tarefa de ‘subir’ ao SUXI a súa produción científica ano tras ano, á vez que vai permitir ‘poboar’ con contidos o repositorio dunha maneira eficiente”. Como explican os seus impulsores, co SAI3 un investigador ou unha investigadora pode depositar no repositorio un traballo de investigación en menos dun minuto coa vantaxe engadida de que os datos dese depósito pasan tamén ao SUXI.

PUBLICIDADE