A UVigo renova e informatiza a súa xanela de queixas e suxestións

martes, 30 de setembro do 2014 Redacción

A Universidade de Vigo vén de reabrir a súa xanela en liña para recibir de xeito directo as opinións da comunidade dos campus, ou sexa para recibir queixas, suxestións e parabéns. A reapertura, informa a UVigo, é amais de todo unha renovación, posto que leva detrás un proceso de centralización e de informatización que até o de agora non se dera. De feito, non existía unha aplicación informática como tal que posibilitase o seguimento das mensaxes. A maiores, o sistema de xestión de queixas e suxestións da Universidade estrea novo formato, tratando de mellorar a súa xestión e “abrindo unha fiestra de comunicación eficaz coa comunidade universitaria e coa cidadanía en xeral”.
Por certo que o servizo está dispoñíbel para estudantes e persoal dos campus (Vigo, Ourense e Pontevedra) pero tamén para a sociedade en xeral. A actividade do sistema, amais de ser útil para a propia comunidade, vaino ser tamén para os propios órganos académicos da institución viguesa, que contará cunha ferramenta fiábel, útil e inmediata que sirva de base e apoio para vindeiras accións e iniciativas. O servizo, engade a UVigo, foi desenvolvido para permitir “unha reposta rápida e sinxela”. Sinalar tamén que forma parte dos programas de modernización e mellora continua da xestión, procedementos e servizos da propia Universidade.

PUBLICIDADE