A UVigo lanza un curso sobre novas ferramentas TIC para os profesionais da tradución

luns, 14 de abril do 2014 Redacción

Óscar Ferreiro Vázquez, profesor no departamento de Tradución e Lingüística da Universidade e membro da AGPTI, co cartel do curso

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo está a organizar unha actividade formativa dirixida a botar luz sobre as potencialidades profesionais que ofrecen para os tradutores os programas e ferramentas tecnolóxicas de tradución, que poden significar non só aforro económico senón tamén de esforzos. A isto cómpre esquecer que cada vez hai máis empresas que esixen aos profesionais que contratan familiaridade co uso destes recursos. Ou sexa, que malia as súas desvantaxes (que se solucionan sempre e cando fagamos unha completa revisión do traducido, evitando erros que os programas non son quen de evitar), estamos a falar de ferramentas moi útiles para todo tipo de traballadores, non só tradutores. O curso de formación complementaria Ferramentas de tradución profesional afondará en todo isto dende un punto de vista práctico.
Un dos principais responsábeis desta achega formativa é Óscar Ferreiro Vázquez, profesor no departamento de Tradución e Lingüística da Universidade e membro da AGPTI, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación. Segundo informa, o alumnado aprenderá a empregar MemoQ, unha ferramenta profesional de tradución asistida, que dende o lanzamento da súa primeira versión en 2004 viviu un rápido desenvolvemento, “xa que ofrece unhas prestacións axeitadas para os profesionais da tradución”. Con ela os estudantes crearán unha memoria de tradución, traballarán a base terminolóxica, o formato de arquivos e as súas principais funcións.
A docencia impartirase ao longo de doce horas de clases presenciais, fixadas para o martes, mércores e xoves, 22, 23 e 24 de abril, de catro a oito da tarde, na aula Newton 9 da Facultade de Filoloxía e Tradución, das que o 85% serán de asistencia obrigatoria.

PUBLICIDADE