A USC reúne estes días a destacados profesionais da robótica para poñela ao servizo da cidadanía
luns, 3 de setembro do 2012
- O Robot Kobian é o exemplo dun dispositivo que é quen de demostrar emocións
Este luns e martes (3 e 4 de setembro) celébrase
en Santiago de Compostela o XIII Workshop en Axentes Físicos,
un congreso que reúne a varios grupos internacionais de investigación, para
traballar xuntos en torno a diferentes áreas da robótica e a súa aplicación na
industria.
O evento, que organiza o Centro Singular
de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) da USC, pretende nesta
edición promover e facilitar o avance no desenvolvemento dunha robótica ao
servizo da cidadanía, “cada vez máis
necesaria”, segundo afirman dende a entidade, “nunha sociedade cun envellecemento notorio da poboación e na que os
núcleos urbanos non cesan de crecer tanto en tamaño como en densidade”.
Xa que logo, durante o congreso presentaranse
distintos sistemas físicos e aplicacións robóticas destinadas a apoiar tarefas
de rehabilitación, tratamento de pacientes con Alzheimer e asistencia a persoas maiores. Para iso
contarase coa participación, entre outros profesionais, de Yiannis Demiris, do
Imperial College de Londres, que falará da adaptación mutua entre robots e
humanos aplicada a cadeiras robotizadas, ou titores de baile robóticos para
nenas e nenos hospitalizados.
No congreso tamén se abordará a
interacción robot-humano, coa presentación, por exemplo, de sistemas
automatizados para o recoñecemento do estado de humor das persoas, de sistemas
capaces de reproducir expresións faciais e mesmo dun sistema de atención que
lle confire aos robots suficiente información como para iniciar unha conversa
con humanos.
O workshopt servirá, asemade, para
poñer enriba da mesa novas estratexias que permitan lograr robots capaces de
aprender a partir das súas propias experiencias, e mesmo novas formas de
desenvolver software de control para robots, que permitan o seu uso en
contornas domésticas e centros de traballo automatizado.
Neste aspecto destaca a presenza de Jan
Peters, da Technische Universitaet Darmstadt (Alemaña).
O evento desenvólvese entre a Escola
Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e o novo laboratorio de robótica do CITIUS,
onde os grupos de investigación convidados poderán mostrar algúns dos seus últimos
avances na materia.