A USC organiza un obradoiro de intelixencia artificial no que probar o robot Pioneer 3DX

martes, 8 de maio do 2012 Raquel Noya

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS) está a organizar una actividade de difusión científico-tecnolóxica de carácter lúdico que vai dirixida a tódolos públicos, e que terá lugar o vindeiro venres, 11 de maio, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.
A xornada, que leva por título ObradoiroBOT: xogos cun robot móbil guiado por intelixencia artificial, desenvolverase en horario de 11:00 a 14:00 e consistirá precisamente niso, en mostrarlle á cidadanía os avances que a entidade académica ten experimentado en materia de intelixencia artificial.
A actividade constará de tres talleres nos que se traballará co robot móbil Pioneer 3DX, que grazas á intelixencia artificial pode realizar actividades difíciles de imaxinar hai uns anos para un dispositivo electrónico, como orientarse nun espazo, medir distancias, evitar obstáculos ou aprender a partir da experiencia.
Os talleres previstos son, Interacción xestual co robot, Intelixencia ambiental e Aprendizaxe automática, aos que lle seguirá unha gimcana moi peculiar na que os equipos participantes terán que mover ao robot móbil por un circuito evitando colisións coas paredes.
O obxectivo xeral da actividade é que os asistentes poidan aprender algunhas das bases tecnolóxicas da robótica móbil dun xeito participativo e lúdico, a través de diferentes talleres se lles amosarán aos participantes os fundamentos que permiten dotarlle a un robot móbil de capacidade sensorial, da posibilidade de realizar percorridos dun xeito intelixente ou como interactuar co robot mediante comandos visuais que guíen as súas actividades.

PUBLICIDADE