A USC organiza a quinta edición do obradoiro de creación e xestión de tendas virtuais con Prestashop

venres, 10 de xaneiro do 2014 Redacción

A quinta edición do Obradoiro Virtual sobre Creación e Xestión de Tendas Virtuais xa ten data de comezo, será o vindeiro mes de febreiro cando a Aula TIC PEME da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten previsto o desenvolvemento da dita actividade. Sinalar que nesta V edición empregarase a ferramenta de software libre e gratuíta Prestashop. A finalidade do curso é que cada participante sexa quen de pór en marcha unha tenda virtual, personalizándoa e xestionándoa dun xeito económico, de tal maneira que introducirse no comercio electrónico non supoña un problema para as empresas e autónomos.
O obradoiro en cuestión será práctico e online na súa totalidade, celebrándose desde o 1 de febreiro de 2014 até o día 12 de marzo de 2014 estando encamiñado a autónomos e PEME, pero aberto a calquera persoa interesada no seu contido.
O curso componse de 50 horas e o prezo xeral será de 100 euros, para alumnos da USC o prezo reducirase a 60 euros. Unha vez superado o curso, emitirase un certificado acreditativo da aula TIC PEME da USC.
O prazo de inscrición permanecerá aberto até o 31 de xaneiro de 2014, estando as prazas limitadas. Para inscribirse é preciso remitir un correo electrónico a atpemes@usc.es indicando o nome e apelidos da persoa interesada, así como un teléfono de contacto.

PUBLICIDADE