A USC imparte o máster referencial do ámbito español na temática do Big Data

mércores, 1 de xullo do 2015 Redacción

A Universidade de Santiago (USC) e a Universidade de Murcia (UMU) van impartir a partir do vindeiro curso (2015-2016) unha actividade formativa de longo alcance sobre un dos grandes retos que afronta a Sociedade do Coñecemento: o crecemento masivo da mesma e dos datos que acubilla. O Máster Interuniversitario en Tecnoloxías de Análise de Datos Masivos: Big Data será, en palabras das dúas universidades devanditas, “un dos primeiros másteres verificados a nivel estatal pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA)”. Ademais, xa foi recoñecido polo Consello de Universidades como máster oficial na temática do Big Data. Comezará de maneira oficial a principios de setembro e achegará, no seu desenvolvemento, recursos, competencia, formación e destreza para afrontar da maneira máis eficiente e rendíbel posíbel o tratamento e o manexo da información inxente.
Segundo nos informan fontes do centro tecnolóxico compostelán CiTIUS (Campus Vida), as clases servirán para debullar un completo plan de estudos no que participou o persoal académico da USC e a UMU e tamén numerosos profesionais da industria e os distintos colexios profesionais ligados á informática e as novas tecnoloxías. O máster consta dun único curso académico (60 ECTS), dividido en tres grandes bloques formativos: Big Data, Ciencia de Datos e Aplicacións de Negocio.
Os alumnos deberán presentar un proxecto de fin de máster tutelado por profesionais de empresas, centros de investigación ou universitarios.
A actividade formativa vén auspiciada tamén por un prestixioso e referencial elenco de colaboradores e asesores externos, entre os que se contan firmas galegas como Coremain, AVA ou Plexus, ás que cómpre engadir compañías do talle de HP e Everis e entidades profesionais como o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, o Instituto Tecnolóxico para ou Control de Medio Mariño de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñeiros Técnicos en Informática da Rexión de Murcia ou o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Polo que se refire aos destinatarios do máster, desde a área de coordinación do mesmo sinalan que se determinou un “perfil de acceso amplo”. Na área participa (entre outros) David Losada Carril, profesor da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC) e investigador do CiTIUS, que informa que o obxectivo é “atraer a estudantes procedentes de Enxeñaría informática, Matemáticas, Física ou outras enxeñarías afíns”.Con respecto aos medios técnicos, o sistema empregado para permitir a actividade docente -asumida por ambas as universidades- será o da videoconferencia, coa finalidade “de facilitar a interacción e a claridade expositiva”.
Máis detalles
O plan de estudos, sinalan dende o CiTIUS, é froito “dun esforzo colaborativo entre persoal académico das universidades participantes, profesionais da industria e colexios profesionais”. Dentro da formación da actividade ofertaranse traballos de fin de máster tutelados pola empresa onde o alumno poderá desenvolver as súas destrezas nas tecnoloxías de análises de datos masivos e desenvolver proxectos de potencial aplicación industrial. Este título está ademais asociado ao Observatorio Tecnolóxico HP-ETSE.
A docencia é impartida conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Murcia (UMU). En concreto, o título é coordinado pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC e pola Facultade Informática da UMU. Utilizarase tecnoloxía de videoconferencia para o fornecemento de clases expositivas e interactivas. O máster desenvolverase en horario de tarde, no primeiro cuadrimestre de 16h a 20.30h (luns e martes, teoría) e de 16h a 20h (mércores a venres, prácticas). No segundo cuadrimestre de 16h a 20.30h (luns, teoría), de 16h a 20h (martes, prácticas) e de 16h a 18h (mércores, prácticas).
As titulacións de acceso aos estudos deste máster son as titulacións de grao ou de ordenacións anteriores (licenciatura, diplomatura, enxeñaría, enxeñaría técnica) das seguintes áreas: Informática, Física, Matemáticas, Telecomunicacións, Electrónica, Industriais e outras áreas de ciencias. Aínda que non se asumen coñecementos previos datos masivos, requírese que os solicitantes teñan competencias en programación básica e, en particular, nalgunha linguaxe programación (por exemplo C, Java, Fortran, Python ou Matlab).

PUBLICIDADE