A USC, entre as universidades estatais que acadan máis axudas á cultura innovadora do FECYT

martes, 11 de novembro do 2014 Redacción

Presentación na USC da iniciativa divulgadora TodoCosmos

Até seis proxectos da Universidade de Santiago veñen de acadar o respaldo da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) a través da súa convocatoria de axudas (2014) no ámbito da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. Entre a media ducia de iniciativas xurdidas ao abeiro da USC que obtiveron este apoio atópanse achegas de clara vocación divulgadora, como Estalmat-Galicia, un proxecto para o estímulo das matemáticas na mocidade, ou TodoCosmos, que sería o equivalente no ámbito da astronomía. TodoCosmos púxose en marcha dende o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC coa pretensión de achegar o mundo da astronomía a todos os recunchos, a través de iniciativas axeitadas ao conxunto da sociedade e a calquera segmento de idade.
Inclúe, ao longo de 2014, un amplo programa de cursos, obradoiros de telescopios e de reloxos de sol, xornadas escolares, observacións telescópicas e a simple vista, así como visitas guiadas ao Observatorio da USC e aos de Lalín e Ribadeo. Entre as iniciativas recoñecidas pola fundación científica tamén están Código Pizza, Bioestística para vivir e como vivir da estatística, Al-kimia e máis Unha cebra na auga. Esta última iniciativa, abeirada á metodoloxía de financiamento do crowdfunding, inclúe entre outras innovacións a ter en conta un simulador virtual que se pretende empregar como instrumento de mediación didáctica. De feito, trátase dunha experiencia claramente educativa e divulgativa das vantaxes de optar polas carreiras científicas, empregándose para este fin (espertar vocacións) metodoloxías igualmente científicas e innovadoras. Diríxese sobre todo a estudantes de cuarto da ESO.
Volvendo á convocatoria da FECYT, dicir que recibiron financiamento outras 35 universidades de toda España. Segundo informa a Universidade de Santiago, as que acadaron un maior número de axudas foron a propia USC e a Universidade de Barcelona (7 proxectos), seguidas de Murcia e Valencia, cinco cada unha, ou Zaragoza, Girona e Autónoma de Madrid con cadro para cada unha delas.
A convocatoria de axudas da FECYT está dirixida ao fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación que se desenvolva a través de proxectos audiovisuais,si desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles e videoxogos, estudos sobre cultura científica, congresos científicos singulares, accións encamiñadas ao fomento da creatividade e as vocacións científicas, feiras de ciencia, apoio a redes de unidades de cultura científica e da innovación ou de museos de ciencia e tecnoloxía, entre outros. O período de execución dos proxectos deberá comprenderse entre o 1 de setembro de 2014 e o 31 de decembro de 2015.

PUBLICIDADE