A USC acolle unha sesión sobre a seguridade en servidores GNU/Linux

martes, 15 de abril do 2014 Redacción

Nos vindeiros días as actividades arredor do software libre serán as protagonistas de varias xornadas espalladas pola nosa terra. Así nolo fai saber Mancomún, que recompila na súa web unha listaxe ateigada de eventos que comezan polo relatorio de GIT impartido por GPUL na UDC, seguíndolle o obradoiro do software estatístico R organizado por GALPon en Vigo. Emporiso, cómpre subliñar que o martes 22 de abril será a Universidade de Santiago de Compostela (USC) quen acolla unha sesión práctica de seguridade en servidores GNU/Linux organizada pola Oficina de Software Libre do CIXUG.
Este seminario terá lugar de 10:00 a 12:00 horas na Aula de proxectos da ETSE da USC. Encamiñado principalmente aos alumnos do Grao de Informática da ETSE, o encontro está aberto a todas aquelas persoas interesadas en coñecer de preto os ataques máis habituais contra servidores, e o xeito de protexerse dos mesmos.
A sesión comezará cunha presentación da OSL a cargo do seu coordinador Rafael Rodríguez, e logo coa sesión práctica de seguridade en sistemas GNU/Linux da man de Kenneth Peiruza.
Engadir, por último, que este seminario está organizado pola OSL en colaboración coa ETSE (en particular coa profesora da materia de Seguridade Informática, Puri Cariñena). Esta actividade forma parte das que a OSL desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración coa AMTEGA para o fomento do software libre.
Programa:
· Presentación da OSL: Rafael Rodríguez (coordinador da OSL), quen fará a presentación dos servizos da OSL para os estudantes universitarios galegos.
· Sesión práctica de seguridade en servidores GNU/Linux. Dirixida por Kenneth Peiruza (consultor e formador en sistemas GNU/Linux), cunha ampla experiencia en labores de implantación, administración e securización de sistemas informáticos para empresas, tendo exercido ao longo dos seus máis de quince anos de traxectoria profesional como xefe de proxectos de auditoría de seguridade para entidades do sector da banca, seguros, colexios profesionais etc..

PUBLICIDADE