A UDC xunta directivos de LinkedIn e BBVA para falaren das TIC como palestra profesional

martes, 28 de xuño do 2016 Redacción

O Consello Social da Universidade da Coruña vai organizar este 4 de xullo unha xornada sobre as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para o desenvolvemento profesional e a potenciación do talento. Neste encontro entre profesionais e membros da comunidade académica e estudantil contarase coa experiencia de directivos de LinkedIn España e do Centro de Innovación do BBVA. O evento, que será inaugurado polo reitor da UDC, Julio Abalde Alonso; o presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín; e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya Fernández, desenvolverase o vindeiro luns 4 de xullo, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.45 horas, no Paraninfo do Reitorado, sito na Maestranza.
Baixo o título A xestión do talento ante a nova era dixital, a xornada inclúe tres relatorios centrados nas relacións profesionais, a economía colaborativa e a importancia de diferenciarse a través da capacidade e do potencial profesional. Pola tarde, desenvolverase un obradoiro no que os asistentes poderán aprender diferentes técnicas para aplicar no seu desenvolvemento.
O programa da xornada conta con profesionais tan sobranceiros como Ignacio Villoch Bayod, director de Eventos do Centro de Innovación do BBVA; Juan Carrillo García, director de contas globais en LinkedIn España e Portugal; José Manuel Casado González, presidente de 2C Consulting; e Eladio García Torres, co-fundador e director executivo de Lance Talent. A participación na xornada é totalmente gratuíta, previa confirmación de asistencia en secretaria.csocial@udc.es até o vindeiro xoves 30 de xuño.

PUBLICIDADE