A UDC colaborará con empresas no desenvolvemento de proxectos innovadores offshore

mércores, 17 de decembro do 2014 Redacción

O Campus de Ferrol acolleu esta mañá a presentación do inicio do proxecto A-TEMPO (Avances en Tecnoloxías Mariñas, Produción Naval e Offshore) que levará a que investigadores da Universidade da Coruña desenvolvan conxuntamente coas empresas Iberdrola, Ixion Industry & Aerospace e unha UTE formada por Sistemas Audiovisuales Itelsis, SCIO SOFT e Neodyn, tres produtos novos para o sector naval offshore demandados polas empresas. Este proxecto conta cun financiamento global de 3,2 millóns de euros aportados por fondos europeos e pola propia universidade.
Na rolda de prensa na que estiveron a vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, o investigador principal do proxecto, Richard Duro, o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva; o director Técnico de Ixion Industry & Aerospace, Francisco José Barreiro, e o responsable da empresa Neodyn, José Ramón Franco, en representación da UTE, explicáronse os detalles dos tres proxectos, dos que queremos destacar un sistema inmersivo para a asistencia remota ao mantemento, por ser o de maior compoñente TIC.
O mantemento de buques, necesario para a seguridade e o alongamento da vida útil da plataforma, require operadores cualificados que non están entre o persoal de a bordo, polo que o obxectivo é realizar un sistema que permita a un experto interactuar desde calquera lugar do mundo co persoal da plataforma para facer ese mantemento. Este proxecto realizarase coa UTE formada por Sistemas Audiovisuais Itelsis, SCIO SOFT e Neodyn, cun orzamento de 410.000 euros. José Ramón Franco, responsable da empresa naronesa Neodyn, concluíu que este proxecto é o froito dunha longa relación en proxectos de innovación coa Universidade da Coruña.

PUBLICIDADE