A UDC celebra o Día d@ Científic@ Galeg@ e esixe que se amose o labor investigador das mulleres

mércores, 23 de abril do 2014 Redacción

Hoxe desenvólvese o Día do Científico Galego da man da Real Academia Galega da Ciencia. Para conmemoralo e para ir máis alá desta festividade (achegando renovación e alternativas), a Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña lanza a campaña Día d@ Científic@ Galeg@. Segundo explica este departamento da UDC, o feito de escribilo con arrobas non é casual ni fortuíto. Trátase, de feito, dun convite á reflexiónsobre a necesidade de incluír as mulleres cando se fala de ciencia e tecnoloxía”.
A campaña preséntase como dixemos con motivo do Día do Científico Galego. Para a UDC, é un feito que tanto esta celebración como as propias entidades que velan pola investigación na nosa terra (incluída a Real Academia) manteñen de sempre ás mulleres que traballan por e para o coñecemento e a tecnoloxía nun réxime de anonimato. “Con este motivo”, engade a Oficina, “as unidades de igualdade das tres universidades galegas enviaron o ano pasado ao presidente da RAGC unha carta que non tivo resposta, aínda que celebran o nomeamento este ano da primeira muller académica que, pensan, en algunha medida podería ser consecuencia daquela carta”.
A campaña deste ano da Oficina consta dun cartel encabezado como Día d@ científic@ galeg@, composto por unha escolma das fotos que se presentaron ao I Concurso fotográfico Rosalind Franklin As mulleres na ciencia e na tecnoloxía, promovido pola OIX para amosar o papel das mulleres neses ámbitos. “Con este cartel”, engaden os responsábeis deste departamento, “queremos suxerirlle á Real Academia que modifique o nome da efeméride, de xeito que se recoñeza ás numerosas científicas galegas, que sen dúbida tamén serán premiadas algún día e ás que compre visualizar para fomentar deste xeito modelos de mulleres lonxe dos estereotipos creados”.
A Oficina lembra que a porcentaxe de mulleres científicas no sistema universitario galego acada case o 50%. E engade: “É fundamental falar de científicas e científicos en calquera comunicación que se refira ao colectivo das persoas que fan ciencia”.

PUBLICIDADE