A UDC apoia o desenvolvemento de cinco firmas tecnolóxicas postas en marcha polos seus estudantes

xoves, 3 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Galebook, vella coñecida de Código Cero, é unha das iniciativas salientadas pola Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña amosou este xoves, oficialmente e perante os medios, o seu apoio a un total de cinco novas empresas creadas por estudantes formados ao seu abeiro e que desenvolveron ou desenvolverán a súa actividade no Viveiro de iniciativas de mercado que mantén a institución académica galega. Dáse a casualidade de que estamos a falar de cinco iniciativas que, en maior ou menor medida, teñen relación directa coas novas tecnoloxías, é o caso de Avansig, especializada en enxeñaría informática, ou Galebook, a editora de libros galegos que tamén opera como comunidade 2.0. Nesta liña TIC tamén se insiren Teimas, firma de base tecnolóxica que desenvolve a súa actividade no sector medioambiental, e máis Trileuco Solutions, que fornece servizos integrais de consultoría e solucións tecnolóxico-dixitais.
As devanditas empresas, máis Goovent (especializada na organización de todo tipo de eventos), recibiron da man do reitor da UDC, José María Barja, os primeiros certificados de Empresas Asociadas da Universidade da Coruña. “Este acto fai visible moito do traballo que se está a facer en transferencia de coñecemento da Universidade da Coruña á sociedade”, dixo o reitor. Representantes das ditas firmas recolleron o documento que acredita durante tres anos a vinculación entre a entidade académica e os proxectos empresariais, nun acto no que tamén estiveron o vicerreitor de Ferrol, Luis Barral, e máis a directora da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI), Pilar Pintor.
Estas empresas, sinala a UDC, foron creadas por titulados da Universidade que contan ademais con persoal saído das aulas coruñesas e, mesmo, nalgún caso, o desenvolvemento do seu proxecto empresarial implica a contratación de investigacións na propia universidade. O reitor, neste senso, lembrou o importante labor desenvolvido no Viveiro de empresas desde a súa creación no ano 2004 que sitúa á UDC “na primeira liña das universidades españolas”. Barja desexoulles aos emprendedores moito éxito coas súas iniciativas. Pola súa parte, os novos empresarios salientaron “a axuda prestada pola Universidade da Coruña sen a cal non existirían como empresas”. E engadiron: “É unha axuda real que moitas universidades non teñen”.
A Universidade informa sobre o traballo do Viveiro
O Viveiro de empresas da UDC ofrece aos membros da comunidade universitaria que teñan unha iniciativa empresarial de base tecnolóxica ou de transferencia de resultados de investigación, un local e acceso a redes e servizos comúns durante dous anos, ademais de dar formación empresarial e asesoría na busca de financiamento para desenvolver a idea empresarial. Os proxectos son avaliados aos nove meses para asegurar a súa viabilidade comercial. Ata o momento, pasaron polas instalacións da incubadora universitaria preto de 40 iniciativas empresariais.

PUBLICIDADE