A Sphericam 2 facilita a gravación de vídeo esférico a 4K

venres, 3 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos días comentamos a posibilidade de adquirir a cámara envolvente 360fly, que busca ser unha GoPro de 360 graos, pero que como principal eiva tiña que o vídeo que rexistra é de só 1.504 x 1.504 píxeles, prometendo que para o ano que vén lanzarán unha versión en ultra alta definición, pero tal tecnoloxía xa é unha realidade, e busca chegar ao público a través de Kickstarter, cunha campaña que está a piques de completar o seu financiamento e que neste momento permítenos facernos cunha Sphericam 2 por 1.399 dólares (1.258,78 euros).

O vídeo capturado pola Sphericam 2 poderá gozarse de xeito inmersivo mediante solucións de realidade virtual

A Sphericam 2 é unha pequena cámara cun diámetro de só 65 milímetros que integra 6 lentes e sensores de imaxe e 4 micrófonos, que pode gravar vídeo esférico a 4K (4.096 x 2.048 píxeles a até 60 imaxes por segundo) o que permite que unha tableta, no ordenador ou cuns cascos de realidade virtual poidamos ter unha imaxe Full HD. Tamén inclúe Wi-Fi para facilitar a visualización do seu contido en dispositivos móbiles e equipos informáticos dende os que monitorizar ou gravar, mentres que mediante micro USB ou un adaptador Ethernet podemos realizar retransmisións en vivo podendo achegar tanto o sinal independente de cada cámara (que tamén pode gravarse en cadansúa tarxeta microSD) ou unha imaxe envolvente combinada a un bitrate de até 100 Mbps.

A cámara permite rexistrar eventos dun xeito innovador

Esta solución consegue capturar vídeo de calidade profesional (o sinal pode recibirse sen compresión ou gravarse en H.264 até 100 Mbps por cámara). A súa batería de 2.800 mAh permite gravar entre 60 e 90 minutos e, para facilitar o seu uso podemos empregar numerosos accesorios como trípodes ou monopés, para os que conta con 8 puntos de montaxe. Temos así un sistema moi versátil para rexistrar as novas viaxes, deportes de aventura, eventos... que espera entregarse aos seus mecenas no mes de decembro.

A Sphericam 2 é compatible con numerosos accesorios para cámaras que facilitan o seu uso en infinidade de situacións


Vídeo de presentación da Sphericam 2

PUBLICIDADE