A Royal Society pon en liña e con acceso libre o seu Arquivo Histórico
mércores 2 de novembro do 2011, por |

- Sede da Royal Society fotografada por Kaihsu Tai e vista na Galipedia
A Royal Society, a máis antiga sociedade
investigadora do Reino Unido e unha das que máis anos de labor científico e
divulgador amorean en Europa ás súas costas, vén de abrir de xeito continuo o
seu Arquivo Histórico. Este proceso, en liña e con acceso libre, supón a achega
de arredor de 60.000 artigos históricos de tipo científico perante toda a
comunidade internauta. Segundo informa a Universidade
de Santiago reflectindo de primeira man a
nova da Royal Society, estamos ante un importante acontecemento en materia
de universalización da información investigadora, cousa que cobra aínda maior
relevancia se temos en conta o valor dos estudos aos que dá acubillo a dita
entidade. De feito, estamos a falar dunha das comunidades de investigadores
máis senlleiras de todo o mundo, cunha primeira xeira de traballos de divulgación
que se remontan ao 1665, coa edición da Philosophical Transactions of the
Royal Society, considerado o primeiro xornal científico da historia.
Con esta decisión, informa a USC, “a
Royal Society pon a disposición do público os seus tesouros, en formato
dixital, como o primeiro artigo científico publicado por Isaac Newton; traballos xeolóxicos de Charles Darwin no seus inicios; ou reflexións de Benjamin Franklin sobre os seus experimentos eléctricos,
entre moitos outros”.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















