A Rede servirá de altofalante para o primeiro Día Internacional do Cocido

martes, 4 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos puidemos ver como as redes sociais convertéronse en lugares nos que millóns de persoas comparten fotografías das súas mascotas e do que están a xantar, e conscientes desta tendencia organizan o vindeiro 15 de marzo o Día Internacional do Cocido, unha iniciativa que conta co apoio de máis de 15 restaurantes e máis dun cento de convidados, que busca converterse nunha experiencia única, aberta a todo o mundo a través de redes sociais, blogs, medios... para o que empregan como bandeira o hashtag #CocidoDay, que pretenden que se converta en Trending Topic.
Os máis de 15 restaurantes adheridos á iniciativa están repartidos polas principais cidades galegas, Madrid, Barcelona e mesmo Portugal, onde servirase como prato estrela do mes de marzo, o cocido galego, a oito convidados (xornalistas, blogueiros gastronómicos ou persoeiros do 2.0) para contribuír a difundir na Rede esta campaña que quere dar a coñecer este símbolo da cociña tradicional galega.
Este proxecto está aberto a todo o público, de xeito que calquera pode sumarse compartindo as súas fotografías de cocido o vindeiro 15 de marzo coa etiqueta #CocidoDay, promovida por catro persoais moi activas no sector das redes sociais galegas, como son Luís Ulloa, Alberto Ribas, Frenchy Ouviña e Laura Camino. O #CocidoDay pode seguirse tamén na Internet a través de Facebook, Twitter, Instagram e Google+, espazos nos que pode obterse máis información sobre esta iniciativa con vocación de continuidade.

Páxina web desta iniciativa gastronómica apoiada na Rede

PUBLICIDADE