A Rede galega celebra a figura da oceanógrafa Ángeles Alvariño

luns, 1 de xuño do 2015 Redacción

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra hoxe o Día da Ciencia en Galicia, conmemoración que ven substituír o Día do Científico Galego e que este ano homenaxea por primeira vez a unha investigadora muller, a oceanógrafa Ángeles Alvariño. A celebración lévase a cabo na web da RAGC e, este luns, na sede da entidade. O acto académico aberto ao público, que se desenvolve pola tarde en Santiago, abre un programa de actividades nos que nenos e adultos poderán achegarse á figura desta “científica ferrolá pioneira no ámbito da investigación mariña”, segundo sinala a academia.
Ás sete da tarde de mañá luns, as portas do Pazo de San Roque de Santiago abriranse á ciencia para acoller o acto académico na honra de Ángeles Alvariño, presidido polo presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O evento incluirá unha aproximación á vida e legado da científica homenaxeada a cargo de María José Leira, licenciada en Ciencias Naturais e sobriña de Ángeles Alvariño. Ademais, Juan Pérez de Rubín y Feigl, investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO), impartirá unha conferencia titulada Ángeles Alvariño González (1916-2005): a primeira oceanógrafa galega.
Grazas á colaboración da Fundación Barrié, será distribuída nos centros escolares de toda Galicia a unidade didáctica elaborada por expertos sobre a figura e o legado da oceanógrafa galega, como ten ocorrido nas anteriores edicións desta celebración. Ademais, entre setembro e decembro celebrarase un programa de obradoiros científicos para escolares nas sedes que a entidade ten en Vigo e na Coruña.
A colaboración da Fundación Barrié nesta iniciativa materialízase a través de Educabarrié e está xa activa en centros escolares das catro provincias. Na web educabarrie.org estará tamén dispoñíbel en datas vindeiras un vídeo divulgativo sobre Ángeles Alvariño.
O IEO, institución na que Ángeles Alvariño comezou a súa carreira científica, celebrará unha xornada de portas abertas o próximo sábado 6 de xuño no seu centro costeiro da Coruña, onde se expoñerá un panel divulgativo sobre a figura e o legado da oceanógrafa ferrolá, así como unha mostra de debuxos científicos realizados por ela e algúns dos seus libros.
No centro do IEO de Vigo celebrarase tamén en próximas datas unha charla-coloquio a cargo de Alberto Gonzalez-Garcés, investigador deste organismo que compartiu laboratorio con Ángeles Alvariño en California e que coñece ben o seu legado.
Ademais, o Consello da Cultura Galega puxo en marcha un microsite dedicado ao Día da Ciencia en Galicia no que se detalla o legado científico de Ángeles Alvariño e se describe a historia da oceanografía en Galicia. Tamén se achega a súa importante figura (amplamente) a canle GCiencia, cunha ampla reportaxe sobre a súa traxectoria vital e profesional. Na Galipedia, igualmente, podemos atopar moitos datos sobre a nosa científica, incluíndo múltiples ligazóns a outras fontes de coñecemento acerca da súa figura.

PUBLICIDADE