A Raíña de Inglaterra publica o seu primeiro chío

venres, 24 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Parece que as casas reais europeas están a collerlle o gusto ás redes sociais, e aínda que a Coroa británica hai tempo que ten presenza de seu en Twitter, esta mañá foi a propia raíña Elizabeth a que publicou un chío dende a correspondente conta oficial para inaugurar unha exposición sobre a Era da Información no londiniense Museo da Ciencia.
A exposición inaugurada pola Raíña esta mañá permite que os visitantes poidan facer un repaso da evolución tecnolóxica que nos levou dende o telégrafo até o smartphone. Pódese alí ver o cable de telégrafo que conectou Europa e Norteamérica a través do Atlántico, o equipo empregado para a primeira retransmisións radiofónica da BBC en 1922 ou o ordenador NeXT de Tim Berners-Lee que albergou á primeira páxina web. Forman a colección máis de 800 obxectos que serven para ilustrar a innovación na comunicación que experimentou a humanidade nos últimos dous século.
Os visitantes que desexen sacar un maior proveito da súa visita á exposición tamén poden instalar no seu dispositivo móbil a aplicación InfoAge+, dispoñible de balde na App Store e en Google Play.

Na exposición poden verse pezas como o ordenador que albergou a primeira páxina web

PUBLICIDADE