A RAGC entrega os seus premios e anuncia a entrada de catro novos académicos

xoves, 21 de xaneiro do 2016 Redacción

Participantes e premiados no acto da RAGC nunha imaxe de Antonio Hernández para El Correo Gallego

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) fixo entrega na tarde deste xoves 21 dos seus Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2015 (edición 25). Os galardoados foron científicos da Universidade da Coruña (UDC) e da Universidade de Vigo (UVigo), centrados en ámbitos ligados á nanociencia e á nanotecnoloxía. O acto desenvolveuse en Santiago, na sede da RAGC. Os premiados, aproveitaron a oportunidade para salientar o valor social, económico e medioambiental do coñecemento, lembrando “que sen investigación o futuro da nosa sociedade está hipotecado”.
Ao acto asistiron, entre outros persoeiros da investigación e a docencia galegas, reitores das tres universidades, Juan Viaño, Salustiano Mato e Julio Abalde; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e o director xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto.
O presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos Fernández, anunciou a incorporación de catro novos académicos á institución ao longo deste ano: José Ramón Cancelo da Torre, economista da UDC; José Juán Pazos Arias, enxeñeiro de telecomunicacións da UVigo; Juan José Nieto Roig, matemático da USC; e Juan Lema Rodicio, enxeñeiro químico tamén da USC. Ademais, tivo palabras de agarimo para recordar aos dous académicos falecidos a finais de 2015, Manuel Bao Iglesias e Aida Fernández Ríos.
Ríos aproveitou a cita para avanzar a vindeira apertura do prazo para a presentación de candidaturas aos Premios de Investigación na súa edición 2016, xunto coa dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, convocados conxuntamente coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) e que entregaron os galardóns da súa primeira edición a semana pasada (sendo distinguido o sistema de diagnóstico temperán de enfermidades neurodexenerativas IQ-Brain, desenvolvido pola firma coruñesa Qubiotech, e tamén os traballos desenvolvidos para atallar as secuelas do ictus e impulsados por José Castillo, Tomás Sobrino e Francisco Campos).
Volvendo ao Premio de Investigación 2015 entregado este mércores, foi concedido ao equipo formado por Blanca Laffon, Gözde Kiliç, Eduardo Pásaro e Vanessa Valdiglesias, membros do grupo de investigación en Diagnóstico Condutual e Molecular aplicado á Saúde (Dicomosa) da UDC. O seu traballo proba a seguridade das nanopartículas metálicas de óxido de ferro con potenciais usos en biomedicina, demostrando a práctica ausencia de toxicidade destas minúsculas partículas cando se introducen no corpo humano para a liberación controlada de medicamentos, para o diagnóstico certeiro e temperán de doenzas e para o tratamento de enfermidades graves, especialmente o cancro e trastornos neurolóxicos coma o Parkinson, o Alzheimer e a esclerose múltiple.
Na categoría de Promoción de Novos Investigadores, convocado pola RAGC para promover o traballo dos científicos galegos menores de 28 anos, o premio foi recollido polo químico da Universidade de Vigo Miguel Alexandre Ramos. En palabras de Laffon, o traballo versa “sobre a modificación das nanopartículas co obxectivo de crear ocos no seu interior e facilitar así a súa aplicación no transporte e liberación de fármacos”.
A lección inaugural do curso académico da RAGC estivo a cargo de Alicia Estévez-Toranzo, co título O Microbioma humano: da oscuridade á omnipresencia. Nela, a académica explicou as características dos microbios que habitan no corpo humano e a súa relación con diversas enfermidades.

PUBLICIDADE