A PS4 e a Xbox One reproducirán películas en Blu-ray 3D

xoves, 24 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Aínda que nos cines as películas en 3D continúa a ter certo pulo, no ámbito doméstico aínda non ocupan o lugar que se agardaba nos últimos anos, e para intentar suplir esta carencia as consolas de videoxogos intentan tirar proveito dos modos de visualización estereoscópica de moitos televisores, tanto para xogar como para reproducir contidos multimedia, pero este último uso pareceu quedar marxinado das consolas de nova xeración, e agora prepáranse para solucionalo.
Por unha banda, Microsoft anunciou a semana pasada que a vindeira actualización de Xbox One ía activar a posibilidade de reproducir películas en Blu-ray 3D, evitando así que os usuarios teñan que ter un reprodutor independente para poder gozar dos seus filmes en 3D. E vese que este anuncio non deixou impasible a Sony, compañía que anunciou a través de Twitter que a actualización 1,75 do software de sistema da PlayStation 4 tamén engadirá soporte para a reprodución de películas en Blu-ray 3D.
Deste xeito, ambas consolas de nova xeración serán compatibles co formato Blu-ray 3D, corrixindo así unha carencia que amosaban no seu lanzamento, e que pode converterse nun incentivo para mercar un destes equipos, por facilitar que a consola poida facer xa todas as funcións dun reprodutor Blu-ray independente.

PUBLICIDADE