A NBA sube ao carro do vídeo envolvente

venres, 21 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Os subscritores de NBA League Pass, servizo que custa 16,99 euros/mes ou 149,99 euros/ano, non só poderán ver todos os partidos da NBA en directo en dispositivos con iOS e Android, en consolas de videoxogos ou en trebellos como o Apple TV, o Chromecast ou o reprodutor Roku, e gozar tamén de repeticións á carta, senón que a liga de baloncesto profesional nos EE.UU. anunciou que grazas a un acordo acadado con NextVR emitirán como mínimo un partido á semana en realidade virtual, de xeito que esta competición deportiva convértese na primeira do mundo en ofrecer este avance tecnolóxico de xeito regular.
A finais de mes publicarase cal será o calendario completo deste formato innovador, coñecéndose polo momento que o primeiro enfrontamento que chegará de xeito envolvente será o partido entre os Sacramento Kings e os San Antonio Spurs o vindeiro día 27.
A experiencia que achegará NextVR está orientada a posuidores dun casco Samsung Gear VR e un smartphone de Samsung compatible, para os que está dispoñible a aplicación móbil de NextVR na tenda de aplicacións Oculus Home (na que pode verse unha demostración de balde na canle de NBA integrada).
Aínda que normalmente enténdese que as retransmisións en VR son vídeo en 360 graos, neste caso non sería así (agás con algunhas excepcións) de xeito que a experiencia limitaríase normalmente aos 180 graos, ou sexa, a ver os encontros deportivos como se un usuario fose un espectador máis no estadio (para o que a vista traseira non engadiría información útil).

PUBLICIDADE