A Mesa dálle os parabéns a Google por incluír a opción en galego en Google+

luns, 12 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Google+ xa está dispoñible en galego

A Rede precisa do galego, aínda que non nolo diga. E máis tendo en conta que o panorama de redes sociais, tal e como se falou hai uns días nun encontro do Consello da Cultura Galega, tende a ser cada vez máis uniforme, unidireccional coma tódalas cousas globalizadas no peor sentido da expresión. Ou sexa, que todo vai xirando cada vez máis arredor das linguas que xa teñen presenza e apoios de abondo. Por iso que unha empresa tan global como Google aposte polo galego ten máis relevancia aínda, segundo nos conta A Mesa pola Normalización Lingüística, que vén de parabenizar ao buscador pola inclusión da nosa lingua no seu servizo Google+.
A plataforma que coordina Carlos Callón, infórmase na súa web, considera “unha moi boa nova” esta estratexia da multinacional, ao tempo que a anima a seguir o mesmo vieiro cos seus restantes produtos e servizos, como por exemplo a ferramenta de correo electrónico Gmail, cousa que xa foi solicitada en varias ocasións pola entidade galega. A Mesa lembra ademais que con este paso adiante de Google, a práctica totalidade das redes sociais máis populares xa permiten o emprego do galego, polo da agora coa excepción de Twitter: “Primeiro foi facebook, cuxa versión en galego é froito da colaboración de internautas na tradución e adaptación e practicamente está completada ao 100%, e posteriormente a rede social tuenti, moi utilizada sobre todo entre a mocidade”, informa a Mesa. Para conseguir aínda máis implicación das redes e dos usuarios desas redes a prol da nosa lingua, a organización galega animou a entes públicos como a Secretaría Xeral de Política Lingüística a traballar ao seu carón e a facer as xestións precisas para “garantir que en Galiza poidamos ter pleno acceso na nosa lingua a todo tipo de produtos e servizos relacionados coas novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE