A Lei que ordenará as telecomunicacións en Galicia aprobarase antes do verán
xoves 9 de febreiro do 2012, por |

- Reunión do Consello da Xunta celebrado hoxe
A Secretaría Xeral de Modernización e
Innovación Tecnolóxica informou
hoxe ao Consello da Xunta do Anteproxecto de Lei de impulso e ordenación
das infraestruturas e telecomunicacións de Galicia. A norma, a primeira coa que
contará Galicia neste ámbito, ten como obxectivo axilizar e facilitar o
despregamento ordenado de infraestruturas de telecomunicacións en todo o
territorio dun xeito homoxéneo, harmónico e respectuoso co ambiente, a paisaxe
e o patrimonio cultural.
A lei resolve a ausencia, ata agora, dun
un marco de coordinación entre os diferentes axentes públicos e privados
implicados nos despregamentos de infraestruturas de telecomunicacións evitando
que se dupliquen esforzos e investimentos. Esta necesidade faise máis evidente
nun momento no que se están a executar as actuacións dos operadores no marco do
Plan de Banda Larga e incrementar rapidamente a demanda de redes móbiles e de
nova xeración.
Con esta lei Galicia complementa, no
ámbito das súas competencias, a estratexia estatal en materia de telecomunicacións
para fomentar o investimento dos operadores e despregamento de infraestruturas.
Unha das principais medidas recollidas nesta lei é o desenvolvemento dun Plan Sectorial das Infraestruturas de
Telecomunicación de Galicia, que permitirá establecer os criterios que
seguirán os concellos e a Xunta de Galicia na planificación do territorio, convertendo
os servizos de telecomunicacións nun elemento máis de planificación urbanística
de modo similar á luz e á auga.
Ademais, a norma obrigará os operadores a compartir as súas infraestruturas
para o despregamento de redes de telecomunicación, o que contribuirá a unha
implantación ordenada e eficiente das infraestruturas e ao fomento da
competencia.
Por outra banda, a norma regula a previsión de infraestruturas de
telecomunicación nos novos edificios públicos autonómicos así como a
interconexión destes ás redes públicas electrónicas existentes. Isto garantirá
o acceso aos servizos de telecomunicación de todos os centros públicos e
reducirá o custo que suporía implantar solucións con posterioridade.
No que respecta á implantación dos novos servizos das TIC nos fogares,
obrigarase a incluír as infraestruturas de soporte necesarias para o
desenvolvemento do Fogar Dixital en vivendas de nova construción. Esta medida
facilitará a introdución nos fogares galegos de novos servizos sociosanitarios,
unha mellor eficiencia enerxética, unha maior seguridade, servizos de
teleasistencia, etc. o que levará consigo unha mellora na calidade de vida do
cidadán e un achegamento aos servizos públicos. Do mesmo xeito que suporá un
importante impulso ao sector tecnolóxico de Galicia.
Unha vez informado o Consello da Xunta remitirase ao Consello Económico e
Social e antes do verán enviarase ao Parlamento de Galicia para a súa
tramitación.
Núñez Feijoo sostén que a tecnoloxía ten que ser un servizo básico
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, destacou esta tarde, en Madrid, no acto organizado pola Fundación DINTEL, a aposta da Xunta para converter a tecnoloxía nun servizo básico tan importante como a auga ou o saneamento. “As infraestruturas tecnolóxicas ocupan un dos lugares máis destacados; unha aposta decidida e ambiciosa, como o demostramos hoxe mesmo ao iniciar a tramitación da primeira Lei de telecomunicacións da historia de Galicia, e que nace co obxectivo de que a tecnoloxía se considere un servizo tan básico como a auga ou o saneamento”, argumentou Feijoo, quen tamén subliñou que a aposta do Goberno galego nesta materia é unha aposta compartida tamén cos emprendedores do sector das telecomunicacións, “co que conxuntamente estamos mobilizando arredor de 1.600 millóns de euros”.O presidente autonómico concluíu a súa intervención agradecendo o galardón da Fundación DINTEL que recolleu en nome dos galegos.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















