A Fundación Telefónica achega a historia das telecomunicacións aos máis pequenos mediante un conto interactivo

venres, 19 de decembro do 2014 Redacción

Que os videoxogos son a paixón dos máis novos e algo máis que sabido. Tomando isto como base, a Fundación Telefónica quixo servirse do xogo como alicerce de aprendizaxe e creou o primeiro conto interactivo desenvolvido coas novas promesas U-Tad (Centro Universitario de Tecnoloxía e Arte Dixital). Trátase de Descubrindo as telecomunicacións con Mobi e Fono, un proxecto educativo que amais de ensinar a historia, amosa aos cativos que o mundo dos videoxogos supón unha grande oportunidade laboral.
Estamos perante un libro electrónico interactivo encamiñado a nenos de 6 a 12 anos no que os protagonistas, Mobi e Fono, relatan a historia das telecomunicacións desde o inicio da humanidade até as tecnoloxías máis innovadoras que se empregan arestora. Ao longo do conto atopamos xogos que nos permitirán pór en práctica o aprendido converténdonos en escribas, telegrafistas ou exploradores espaciais.
Dicir que o conto ten un formato de app, é totalmente de balde e descargábel dende as plataformas de aplicacións de Android e iOS. Asemade, desde a páxina web de Fundación Telefónica poderase descargar a versión para computador así como os diferentes cromos que se esconden tras as escenas para poder xogar con eles tanto na casa coma na aula.
Fundación Telefónica quixo colaborar neste proxecto educativo xunto á U-Tad, centro universitario pioneiro en España na formación de Dixital business, enxeñaría, arte e deseño, apostando así polo traballo realizado polos mozos españois, Esta aplicación converte un elemento de lecer nunha ferramenta altamente educativa, xa que os seus contidos están expostos de tal xeito que poida ser utilizado tanto por nenos nunha actividade lúdica e de aprendizaxe, como por toda a familia ou por docentes do ciclo de primaria para completar o seu labor educativo, profundando nos contidos curriculares con ferramentas de innovación tecnolóxica.

PUBLICIDADE