A Fundación TIC premiará as mellores propostas creativas sobre a Muralla de Lugo
xoves 9 de setembro do 2010, por |
A Fundación TIC en colaboración co Concello de Lugo convocou este verán o primeiro Premio de Curtas e Maquetas Musicais Lugo 10, un certame dirixido a artistas do eido galego e español co que se pretende conmemorar o décimo aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade e, a maiores, o papel que xoga a cidade galega como un dos grandes centros culturais e sociais do noroeste da Península. Segundo informa nas bases do certame a entidade organizadora, as obras galardoadas serán exhibidas nas páxinas webs da Deputación de Lugo, da propia Fundación, do Concello e da iniciativa Lugo10. Amais do devandito, o concurso encamíñase a promover a creatividade e o emprego das novas tecnoloxías da información e a creación entre a mocidade, “favorecendo a súa inserción laboral”.
No capítulo de requirimentos esixidos para concorrer no certame faise saber que se admitirá só unha curtametraxe ou tema inéditos por director ou banda/agrupación, sendo o seu alicerce narrativo a dita Muralla de Lugo. As pezas deberán enviarse á Fundación TIC, ficando a convocatoria aberta até o vindeiro 30 de outubro. Polo que respecta ao xeito elixido para presentar as maquetas perante a comunidade internauta, dicir que se fará mediante unha aplicación destinada a tal efecto na web da Fundación TIC. Estes son os premios que se inclúen:
· Premio Lugo 10. Vai dirixido ao traballo que mellor resuma os valores da Muralla, dotado con agasallo institucional e 2.000 euros.
· Premio Deputación. Ao traballo que potencie máis a provincia, inclúe un agasallo e 1.500 euros.
· Premio Fundación TIC á mellor curtametraxe ou canción de autor novo, menor de 30 anos, dotado cun agasallo e 1.000 euros.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















