A Fundación Barrié axudará a levar o Dicionario da RAG aos móbiles

xoves, 24 de maio do 2012 Marcus Fernández

Esta semana o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, asinaron un convenio de colaboración que supón unha importante renovación tecnolóxica do Seminario de Lexicografía, que entre outros obxectivos suporá a conversión da base de datos do Dicionario da institución para facilitar o seu acceso dende dispositivos móbiles (como xa adiantara Xosé Luís Axeitos durante a presentación da nova páxina web da RAG), a implementación dun programa específico para a edición do Dicionario e a creación ao longo do presente ano dun Portal das palabras na web, que divulgará e aumentará a interactividade do patrimonio lexicográfico da Academia entre a súa comunidade de usuarios.
O acordo tamén inclúe o traslado do equipo de traballadores do Seminario de Lexicografía dende as súas dependencias compostelás a un espazo reservado para o seu uso e completamente informatizado nas dependencias da Fundación Barrié.

Aplicación móbil

A adaptación do Dicionario da RAG a dispositivos móbiles é unha demanda clara por parte dos galegos, pero mentres non estea dispoñible a ferramenta oficial, lembramos que a aplicación móbil DicionarioGalego de GalApps actualizouse para soportar o novo dicionario en liña da Academia, de xeito que facilita a consulta lexicográfica dende dispositivos con Android e con iOS.

PUBLICIDADE