A Fundacion Barrie acolle hoxe a presentación de catro proxectos galegos de Talentum Startups de Telefónica

mércores, 30 de xullo do 2014 Redacción

Oito universitarios galegos, participantes no programa Talentum Startups de Telefónica (traído a Galicia en colaboración coa Fundación Barrié), presentarán este mércores 30 os seus proxectos (11.30h. planta 4ª Fundación Barrié) a representantes da operadora e de diversas empresas tecnolóxicas. Como lembraremos, Talentum Startups impulsa o talento innovador dos estudantes e fomenta a súa integración no mercado laboral a través dunha bolsa de seis meses de duración, grazas á cal os estudantes -alumnos de enxeñaría, informáticos, programadores e desenvolvedores- están a traballar para facer realidade o seu proxecto de emprendemento tecnolóxico, coa axuda dun mentor que lles guía no desenvolvemento da súa idea.
Ademais, durante o transcurso do programa, bríndaselles apoio económico e formación en habilidades empresariais, tecnolóxicas e sociais. Máis de 500 universitarios en todo o territorio nacional xa participaron neste programa e accedido ás bolsas.
A continuación, damos conta dos proxectos a presentar.
War of Sides. Un xogo de realidade aumentada para móbiles no que loitaremos contra dragóns e outras criaturas. Os nosos adversarios, amigos ou non, estarán á espreita para roubarnos os nosos territorios. “Fantasía e realidade mesturaranse botando man das últimas tecnoloxías nos móbiles: xeolocalización, xiroscopio, cámara e o acceso a datos na nube”, informa Telefónica. Membros: Saúl Molinero e Abdón Rodríguez.
Keyless home. Unha solución que simplifica a apertura das portas dun edificio ou vivenda substituíndo as chaves polo móbil con tecnoloxía NFC. Aforra custos á comunidade ao mesmo tempo que se incrementa a seguridade controlando de forma inmediata quen pode acceder ao edificio e as súas instalacións. Membros: Carlos Rosales e Ricardo de Juan.
Thunder Breaker. Un adictivo xogo arcade para móbil no que crearemos e pilotaremos a nosa propia nave. Teremos milleiros de opcións de personalización “que farán cada partida única”, informan a Fundación Barrié e Telefónica. Membros: Raúl Martínez e Abrahan Dopazo.
Trendon.me. A plataforma online para o mundo da moda na que tendas, deseñadores, promotores e afeccionados atoparán un espazo común onde descubrir, compartir e comprar moda. Cunha rede social creada por e para a moda, os usuarios poderán coñecer tendencias, compartir e comentar. Pero tamén adquirir artigos, non só de grandes marcas, senón tamén de pequenas boutiques e deseñadores noveis.Membros: Nuria Iglesias e Augusto Calle.

PUBLICIDADE